
No marco da axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV de Verín, exhibirase na vila do Támega un avance do documental Entroidar, un proxecto que está a dirixir o santiagués Pablo Ces. Entroidar é un documental que se asenta en tres piares fundamentais: as personaxes que fan posible o Entroido, os lugares nos que se fai e a propia celebración. A axenda paralela desta IV edición do FIC Vía XIV de Verín incluirá unha sesión denominada Cámara e batuta, que ten como obxectivo analizar a relación entre música e cinema. Esta actividade proponnos unha viaxe a través das bandas sonoras do cinema da man Edelmiro L. Mateo, responsable da coral polifónica da vila. No marco desta actividade paralela, tamén haberá unha actuación da agrupación instrumental infantil do Conservatorio de Verín, dirixida por Miguel Ángel Guerra. En concordancia coa retrospectiva sobre cinema cubano o pavillón deportivo de Verín acollerá o vindeiro 5 de decembro a Changana Cuba Jam Party, unha actividade musical que combinará música electrónica cubana a cargo do coñecido DJ Joyvan Guevara Díaz e percusión por parte de Williams Richart Cardoso, tamén procedente de Cuba. Como cada ano, a Dirección do Festival articula unha axenda de actividades específica dirixida aos máis pequenos da comarca. Nesta edición, o fío condutor da iniciativa será a relación entre o cine e a literatura infantil e xuvenil. Ver para ler é o lema co que se presenta a actividade Cinema Marabillas, que o FIC Vía XIV desenvolve da man da contacontos Raquel Queizás para achegar a maxia do cinema aos cativos e cativas de Verín e comarca. Un ano máis a vila enteira apoiará o evento, como mostra os comerciantes de Verín engalanarán os seus escaparates con motivos relacionados co cinema no marco dunha inciativa promovida por Aever en colaboración co FIC.