57 curtas no Festival de Curtas Vía XIV de Verín

O festival celébrase ata o 10 de decembro

Un total de 57 curtametraxes procedentes de 21 países van ser proxectadas na II edición do FIC Vía XIV de Verín, que dará comezo este venres e se prolongará ata o vindeiro 10 de decembro. O certame experimenta así un salto cualitativo en relación ao ano pasado, cando se exhibiron 39 curtas de cinco países diferentes. “Un dos cambios fundamentais deste ano radica na internacionalización do Festival”, puxo en valor ante os medios de comunicación esta mañá Carlos Montero, director do certame. Das 57 curtametraxes que se poderán ver en Verín no marco do FIC Vía XIV, un total de 54 preséntanse a concurso e tres serán exhibidas nunha categoría de visionado especial, entre elas o proxecto ourensán O Boteiro, resultado dun obradoiro de Cinemart realizado por profesionais do audiovisual no Concello de Viana do Bolo. A programación inclúe curtas premiadas recentemente en foros de renome como é o caso de La Bouche, que hai dous días recibiu o Premio Principado de Asturias á Mellor Curta no Festival de Xixón e algunhas outras que serán estreadas a nivel galego en Verín como A Gentle Night, premiada coa Palma de Ouro no último Festival de Cannes ou Hedegehog´s Home, Mención Especial en Berlín.

Ligazóns