O festival de cine de Ourense acada a súa marca histórica de participación

Case mil cincocentas obras de 89 países preinscribíronse para a 30ª edición

O Ourense Film Festival (OUFF) pechou o prazo de preinscrición na súa vindeira 30ª edición o pasado 30 de xullo, e saca peito ao conseguir cifras de participación nunca acadadas. O festival recibiu un total de 1.432 obras, entre longametraxes e curtametraxes. En total recibíronse 479 longametraxes e 953 curtametraxes procedentes de 89 países, en produción ou coprodución, sendo os que máis traballos enviaron España, Argentina, Brasil, México, Francia, Chile, Alemaña e os Estados Unidos. Entre as obras recibidas pódese sinalar a presenza de estreas a nivel mundial, europea, en España e outras que xa foron proxectadas anteriormente e premiadas nos máis prestixiosos festivais, como Sundance, Rotterdam, Berlín, Cannes, Locarno, Málaga, Guadalaxara, Pequín ou BAFICI.

Como curiosidade, cabe destacar que tamén se inscribiron obras de países que xeralmente contan cunha baixa produción cinematográfica como Xordania, República Dominicana, Cabo Verde, Palestina, Qatar, Nicaragua, Bolivia, Estonia, Honduras, Mozambique, Taiwán, Malasia, Singapur, Cabo Verde, Vietnam, Líbano, Filipinas e Armenia, entre outros, e de países que anteriormente nunca participaran, de ningún xeito, no festival como a Cidade do Vaticano e Nepal. As propostas foron enviadas a través das distintas plataformas habilitadas para o proceso, así como por correo electrónico. As curtametraxes e longametraxes que superen esta primeira fase de selección pasarán a formar parte da Sección Oficial Internacional e Sección Oficial Panorama Galicia. O OUFF • Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.