As subvencións á difusión do cinema en festivais axudarán a presenza do audiovisual galego en mostras de referencia internacional como o festival de Sundance, a Berlinale, Clermont-Ferrand, San Sebastián ou a BAFICI de Bos Aires entre outras, algunhas que xa forno e outros aínda por celebrarse. A publicación da primeira quenda de adxudicacións das axudas promovidas desde a Axencia Galega de Industrias Culturais reparte en 13 subvencións a 10 diferentes producións a meirande parte do seu orzamento (24.000 dos seus 30.000 euros previstos) axudando a estas producións a chegar a oito citas de exhibición internacionais e internacionais. Trote, de Frida Films, é produción que recibe a maior contía cun total de 5.000 euros para a súa promoción e difusión nos festivais de Locarno e San Sebastián, seguida da longametraxe Trinta lumes de Diana Toucedo que recibirá 3.500 euros da arcas públicas para apoiar a súa presenza e difusión na Berlinale. A curtametraxe Matria de Álvaro Gago, Premio Mestre Matyeo deste ano, recibe nesta convocatoria 3.000 euros para axudar á presentación do filme no Sundance Film Festival estadounidense, no que obtivo o Premio do Xurado e no festival internacional de curtametraxes de Clermont-Ferrand. Con este apoio público tamén se axuda á presenza de tres producións galegas no festival de Rotterdam, dúas na BAFICI arxentina e outras dúas no festival de cine español de Málaga.