O director, guionista e escritor asturiano Gonzalo Suárez (Oviedo, 1934) recibirá a Calpurnia de Honra da 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF). Este galardón é o máis prestixioso do festival ourensán e busca recoñecer a figuras destacadas do cinema polas súas aportacións vitais e carreiras no panorama audiovisual. Da súa relación coa cultura e a terra galegas cabe destacar que o cineasta foi o primeiro en adaptar para o cine español a un escritor ourensán da talla de Eduardo Blanco Amor e a súa carismática novela "A esmorga" (Parranda, 1977), ademais de ter adaptado ao cine textos de autores universais galegos como a condesa de Pardo Bazán ("Los pazos de Ulloa" (1985) e Valle-Inclán (Beatriz, 1975). A Calpurnia de Honra seralle entregada a Gonzalo Suárez nunha gala a celebrar no Teatro Principal de Ourense, o luns 27 de setembro.