Novas | 611 a 620 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

13/09/2021
Luma Gómez recibirá o Premio de Honra de AISGE

Actriz ferrolá Luma Gómez (1951), recibirá este ano o Premio de Honra a toda unha traxectoria da Fundación AISGE de artistas intérpretes e seralle entregado durante a nova edición do Ourense Film Festival (OUFF). Luma Gómez , recibirá o recoñecemento a súa ampla traxectoria no mundo da interpretación desta fundación de carácter estatal, que anteriormente recaeu nas figuras de Mabel Rivera (2018), María Bouzas (2019) e Rosa Álvarez (2021). Gómez é unha das figuras pioneiras da interpretación en Galicia que conta con máis de cincuenta montaxes teatrais nas súas costas e con ducias de interpretacións no cine e na televisión. . Amplía a nova>>

06/09/2021
Ignacio Vilar publica o guión de Aura 1964 antes que realizar a película

O veterano director de cine Ignacio Vilar publicou coa editorial Galaxia o guión de Aura 1964, un proxecto de filme que verá á luz primeiro como libro editado. "Unha novidade sen precedentes, xa que esta é a primeira vez que se publica, no Estado Español, antes o guión do filme que a estrea en cines", asegura a nota de prensa da editorial, que recalca que a obra inaugura unha nova colección dedicada aos guións. Aura 1964 recibiu unha axuda do programa Creative Europe Media. Trátase dunha historia de iniciación protagonizada por un rapaz, durante o ano no que o réxime de Franco conmemorou os 25 anos de paz. . Amplía a nova>>

31/08/2021
A Semana de Cine de Lugo homenaxeará ao actor Luis Iglesia

O actor Luis Iglesia Besteiro (Riotorto, 1962), é o persoeiro do cine galego elixido polo Grupo Fotográfico Fonmiñá para ser homenaxeado na XLIII Semana de Cine de Lugo. Como é habitual, en cada Semana de Cine vense honrando a destacados lucenses e galegos do cine, téndoo sido nos últimos anos Luis Tosar e Antonio Mourelos, e con anterioridade –entre outros- Rosario Durcal, Mercedes Cora, Manuel Lourenzo, Prudencia Grifell, Carmen Correa, Frank Braña ou Eduardo Fajardo. A XLIII Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo, celebrarase na capital lucense do 20 ao 25 do próximo mes de setembro. Este ano, Fonmiñá vai publicar un libro homenaxe a Luis Iglesia, obra de Manuel Curiel, director da Semana, que fará o número 22 da Biblioteca da Semana de Cine, e o nome do homenaxeado figurará nunha placa no Paseo do Cine de Lugo (Parque de Frigsa). Asimesmo neste paseo se incluirá unha placa que lembre a figura de Frank Braña, o actor que máis veces "morreu" no cine español, e que participou na homenaxe que se lle rendeu na Semana de Cine do ano 2007.. Amplía a nova>>

27/08/2021
Máis de 30 curtametraxes internacionais para o FIC VIA XIV de Verín

O Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín anunciou a programación completa da súa sexta edición, que terá lugar do 4 ao 12 de setembro no Auditorio Municipal. Máis de 30 curtametraxes dunha ducia de países competirán este ano no concurso oficial do encontro, que acollerá tamén outra serie de proxeccións paralelas, así como unha homenaxe ao actor e comunicador ourensán Sergio Pazos. O FIC de Verín exhibirá por vez primeira en liña as curtametraxes seleccionadas a través da plataforma Festhome. Xunto ao concurso nas súas categorías habituais (Horizontes, Outra Mirada, A Raia e Nova), tamén poderá verse unha selección procedente do Tempo Documentary Festival, un foro cinematográfico sueco que é o festival convidado nesta sexta edición. Entre as actividades paralelas deste ano, destaca así mesmo a proxección para o público infantil da película 'Fantasía' de Disney ou a preestrea en Galicia do documental 'Tierra de leche y miel', dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora, e gañador da sección DOC na 65ª Seminci de Valladolid.. Amplía a nova>>

25/08/2021
Calpurnia de Honra do OUFF ao cineasta Gonzalo Suárez

O director, guionista e escritor asturiano Gonzalo Suárez (Oviedo, 1934) recibirá a Calpurnia de Honra da 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF). Este galardón é o máis prestixioso do festival ourensán e busca recoñecer a figuras destacadas do cinema polas súas aportacións vitais e carreiras no panorama audiovisual. Da súa relación coa cultura e a terra galegas cabe destacar que o cineasta foi o primeiro en adaptar para o cine español a un escritor ourensán da talla de Eduardo Blanco Amor e a súa carismática novela "A esmorga" (Parranda, 1977), ademais de ter adaptado ao cine textos de autores universais galegos como a condesa de Pardo Bazán ("Los pazos de Ulloa" (1985) e Valle-Inclán (Beatriz, 1975). A Calpurnia de Honra seralle entregada a Gonzalo Suárez nunha gala a celebrar no Teatro Principal de Ourense, o luns 27 de setembro. . Amplía a nova>>

19/08/2021
Cans vai a por todas coa XVIIIª edición

Malia que xa viña deixando caer desde fai semanas moitas novas en forma de destinatarios dos seus premios de honra, o Festival de Cans presentou oficialmente a décimo oitava edición onte. Unha demostración de resistencia e empuxe cunha previsión chea de actividades e cun carácter máis internacional para esta "maioría de idade" do evento que terá lugar do 1 ao 4 de setembro. "Responsabilidade, resistencia e rebeldía", son os tres factores que están detrás da proposta e programación do Festival este ano, segundo asegurou o seu director, Alfonso Pato. Preto de 40 actividades, dende proxeccións a roteiros, concertos, exposicións ou coloquios encherán a programación , que este ano recupera espazos emblemáticos nas casas aos que houbo que renunciar o pasado 2020 por cuestión de seguridade sanitaria: o baixo do Moncho, a Casa do Carreira ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso ata sumar 11 espazos semellantes. Este ano, seguindo medidas sanitarias e normas, permitirase este uso de novo cunha redución da capacidade nun 50%. A aldea deberá ser desaloxada cada día antes da 1AM polo público, que só poderá chegar ao Festival en bus se conta con entradas ou inscricións para as súas actividades. Non haberá aparcadoiros para o público en Cans.. Amplía a nova>>

18/08/2021
Beli Martínez premiada co Chano Piñeiro do OUFF

A produtora e profesora Beli Martínez (A Guarda, 1980) será que reciba por vez primeira o premio Chano Piñeiro, creado para a vindeira edición do Ourense Film Festival (OUFF). Beli Martínez é responsable, dende Filmika Galaika, de longametraxes coma Longa Noite, de Eloy Enciso, galardoado no prestixioso Festival de Locarno; Those that, at a distance, resemble another, de Jessica Sarah Rinland ou Arraianos, tamén de Enciso. Unha das súas producións máis recentes é a curtametraxe Sycorax, de Lois Patiño e Matías Piñeiro, que foi seleccionada para participar na Quincena de Realizadores do último Festival de Cannes. Tamén produciu Eles transportan a morte, que foi parcialmente rodada en Ourense.. Amplía a nova>>

13/08/2021
A proposta interactiva Ti primeiro chega aos móbiles

Os dispostivos equipados con sistemas operativos Android e iOS xa teñen dispoñible a aplicación que dá acceso a Ti primeiro. A prosposta interactiva de Melgo Cinema defínese como "novela visual" e "mestura o audiovisual, a literatura e os videoxogos", segundo sinala a produtora. Roberto Alvite correu coa escrita, a dirección e a produción do proxecto, que tamén coprotagoniza e no que cada persoa usuaria pode escoller as accións dos personaxes.. Amplía a nova>>

12/08/2021
Play-Doc reunirá en Tui a documentalistas históricos

Play-Doc avanza novidades sobre a programación da que será a súa 17ª edición e que se celebrará en Tui do 22 ao 26 de setembro. Ademais das primeiras retrospectivas españolas dos norteamericanos Manfred Kirchheimer e Bette Gordon, no festival deste ano poderanse ver dúas películas nunca antes vistas no noso país e que foron realizadas na década dos oitenta. . Amplía a nova>>

11/08/2021
O Festival de Cans avanza as novidades desta XVIII edición

A XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro, estrea sección: chámase 'Correspondencias' e nace para amosar un diálogo en imaxes entre cineastas galegos con cineastas doutros países e fomentar un intercambio de ideas inéditas filmadas. Os encargados de botar a andar esta sección serán o cineasta galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno, que mantiveron unha interesantísima correspondencia filmada que terá a súa estrea absoluta nesta edición do Festival de Cans. Ademais o cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes 2019, será un dos grandes protagonistas da edición ao ser o convidado do coloquio central do Festival e certame dedicaralle unha retrospectiva na que se proxectarán as tres longametraxes que realizou ata o momento e varias das súas curtametraxes.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org