Novas | 521 a 530 de 4138

<< Anterior Siguiente >>

15/09/2021
A Xunta presenta en sociedade o Hub Audiovisual

Unha xuntanza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez con asociacións e empresas audiovisuais galegas e a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG)da primeira das convocatorias do seu fondo para a atracción de rodaxes, dotada con 2 millóns de euros serviron como presentación en sociedade do previamente anunciado Hub Audiovisual da Industria Cultural. Esta iniciativa, sustentada economicamente grazas á resposta europea á pandemia a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, contará cun nun investimento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023. As súas liñas mestras inclúen a posta en marcha da Galicia Film Comission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural.. Amplía a nova>>

14/09/2021
Devolvendo o golpe revélase como grande vencedora do Primavera do Cine

A longametraxe de Carlos Prado Pampín que narra a historia de superación do boxeador marinense Aarón González, Devolvendo o golpe impúxose na décima edición do festival vigués Primavera do Cine, que fechaba as súas portas o 12 de setembro. O filme obtivo os dous principais galardóns do evento ao se facer cos premios do xurado e do público á mellor longametraxe galega. Pola súa banda, Campo de Tiago Hespanha foi escolleito como mellor filme lusófono a concurso, mentres Ana de Lúcia Murat conseguiu o favor do público nesta categoría.. Amplía a nova>>

13/09/2021
Premio en Venecia para 'Eles transportan a morte'

A estrea internacional do filme 'Eles transportan a norte" o pasado 7 de setembro na 36ª Semana da Crítica de Venecia, un certame paralelo á 78ª edición do Festival de Cine de Venecia, veu seguida dun notable recoñecemento. A película dirixida a dúo pola cineasta santiaguesa Helena Girón (1988) e o tinerfeño Samuel M. Delgado (1987) ven de recibir nese certame o premio Mario Serandrei - Hotel Saturnia á mellor contribución técnica desta edición. A película, rodada en galego, está producida por Filmika Galaika (Beli Martínez ao cargo da produción), xunto con El Viaje Films, La Banda Negra e a colombiana Blond Indian Films. A estrea en territorio español da ópera prima da cineasta galega Helena Girón e Samuel Delgado, Eles transportan a morte, terá lugar no marco da 69ª edición do Festival Internacional de San Sebastián, entre o 17 e 25 de setembro.. Amplía a nova>>

13/09/2021
O VIII Carballo Interplay recoñece La reina del pueblo e Mataría no seu palmarés

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay (CIP) fechaba este sábado 11 a súa oitava edición co acto de entrega de premios. No palmarés, a produción La reina del pueblo apareceu como clara vencedora, ao se facer cos galardóns á mellor serie estatal e mais ao mellor guión para Raúl Navarro. Mataría, pola súa banda, obtivo o recoñecemento á mellor serie con versión orixinal en galego e conseguiu ademais o premio do público. Mortal Glitch foi a produción escolleita polo xurado como mellor webserie internacional, mentres a mellor dirección foi a de Beatriz Abad por Riders.. Amplía a nova>>

13/09/2021
Luma Gómez recibirá o Premio de Honra de AISGE

Actriz ferrolá Luma Gómez (1951), recibirá este ano o Premio de Honra a toda unha traxectoria da Fundación AISGE de artistas intérpretes e seralle entregado durante a nova edición do Ourense Film Festival (OUFF). Luma Gómez , recibirá o recoñecemento a súa ampla traxectoria no mundo da interpretación desta fundación de carácter estatal, que anteriormente recaeu nas figuras de Mabel Rivera (2018), María Bouzas (2019) e Rosa Álvarez (2021). Gómez é unha das figuras pioneiras da interpretación en Galicia que conta con máis de cincuenta montaxes teatrais nas súas costas e con ducias de interpretacións no cine e na televisión. . Amplía a nova>>

06/09/2021
Ignacio Vilar publica o guión de Aura 1964 antes que realizar a película

O veterano director de cine Ignacio Vilar publicou coa editorial Galaxia o guión de Aura 1964, un proxecto de filme que verá á luz primeiro como libro editado. "Unha novidade sen precedentes, xa que esta é a primeira vez que se publica, no Estado Español, antes o guión do filme que a estrea en cines", asegura a nota de prensa da editorial, que recalca que a obra inaugura unha nova colección dedicada aos guións. Aura 1964 recibiu unha axuda do programa Creative Europe Media. Trátase dunha historia de iniciación protagonizada por un rapaz, durante o ano no que o réxime de Franco conmemorou os 25 anos de paz. . Amplía a nova>>

31/08/2021
A Semana de Cine de Lugo homenaxeará ao actor Luis Iglesia

O actor Luis Iglesia Besteiro (Riotorto, 1962), é o persoeiro do cine galego elixido polo Grupo Fotográfico Fonmiñá para ser homenaxeado na XLIII Semana de Cine de Lugo. Como é habitual, en cada Semana de Cine vense honrando a destacados lucenses e galegos do cine, téndoo sido nos últimos anos Luis Tosar e Antonio Mourelos, e con anterioridade –entre outros- Rosario Durcal, Mercedes Cora, Manuel Lourenzo, Prudencia Grifell, Carmen Correa, Frank Braña ou Eduardo Fajardo. A XLIII Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo, celebrarase na capital lucense do 20 ao 25 do próximo mes de setembro. Este ano, Fonmiñá vai publicar un libro homenaxe a Luis Iglesia, obra de Manuel Curiel, director da Semana, que fará o número 22 da Biblioteca da Semana de Cine, e o nome do homenaxeado figurará nunha placa no Paseo do Cine de Lugo (Parque de Frigsa). Asimesmo neste paseo se incluirá unha placa que lembre a figura de Frank Braña, o actor que máis veces "morreu" no cine español, e que participou na homenaxe que se lle rendeu na Semana de Cine do ano 2007.. Amplía a nova>>

27/08/2021
Máis de 30 curtametraxes internacionais para o FIC VIA XIV de Verín

O Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín anunciou a programación completa da súa sexta edición, que terá lugar do 4 ao 12 de setembro no Auditorio Municipal. Máis de 30 curtametraxes dunha ducia de países competirán este ano no concurso oficial do encontro, que acollerá tamén outra serie de proxeccións paralelas, así como unha homenaxe ao actor e comunicador ourensán Sergio Pazos. O FIC de Verín exhibirá por vez primeira en liña as curtametraxes seleccionadas a través da plataforma Festhome. Xunto ao concurso nas súas categorías habituais (Horizontes, Outra Mirada, A Raia e Nova), tamén poderá verse unha selección procedente do Tempo Documentary Festival, un foro cinematográfico sueco que é o festival convidado nesta sexta edición. Entre as actividades paralelas deste ano, destaca así mesmo a proxección para o público infantil da película 'Fantasía' de Disney ou a preestrea en Galicia do documental 'Tierra de leche y miel', dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora, e gañador da sección DOC na 65ª Seminci de Valladolid.. Amplía a nova>>

25/08/2021
Calpurnia de Honra do OUFF ao cineasta Gonzalo Suárez

O director, guionista e escritor asturiano Gonzalo Suárez (Oviedo, 1934) recibirá a Calpurnia de Honra da 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF). Este galardón é o máis prestixioso do festival ourensán e busca recoñecer a figuras destacadas do cinema polas súas aportacións vitais e carreiras no panorama audiovisual. Da súa relación coa cultura e a terra galegas cabe destacar que o cineasta foi o primeiro en adaptar para o cine español a un escritor ourensán da talla de Eduardo Blanco Amor e a súa carismática novela "A esmorga" (Parranda, 1977), ademais de ter adaptado ao cine textos de autores universais galegos como a condesa de Pardo Bazán ("Los pazos de Ulloa" (1985) e Valle-Inclán (Beatriz, 1975). A Calpurnia de Honra seralle entregada a Gonzalo Suárez nunha gala a celebrar no Teatro Principal de Ourense, o luns 27 de setembro. . Amplía a nova>>

19/08/2021
Cans vai a por todas coa XVIIIª edición

Malia que xa viña deixando caer desde fai semanas moitas novas en forma de destinatarios dos seus premios de honra, o Festival de Cans presentou oficialmente a décimo oitava edición onte. Unha demostración de resistencia e empuxe cunha previsión chea de actividades e cun carácter máis internacional para esta "maioría de idade" do evento que terá lugar do 1 ao 4 de setembro. "Responsabilidade, resistencia e rebeldía", son os tres factores que están detrás da proposta e programación do Festival este ano, segundo asegurou o seu director, Alfonso Pato. Preto de 40 actividades, dende proxeccións a roteiros, concertos, exposicións ou coloquios encherán a programación , que este ano recupera espazos emblemáticos nas casas aos que houbo que renunciar o pasado 2020 por cuestión de seguridade sanitaria: o baixo do Moncho, a Casa do Carreira ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso ata sumar 11 espazos semellantes. Este ano, seguindo medidas sanitarias e normas, permitirase este uso de novo cunha redución da capacidade nun 50%. A aldea deberá ser desaloxada cada día antes da 1AM polo público, que só poderá chegar ao Festival en bus se conta con entradas ou inscricións para as súas actividades. Non haberá aparcadoiros para o público en Cans.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org