Novas | 421 a 430 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

31/10/2022
O festival CURTAS reparte os premios da súa 50ª edición

A curtametraxe "Compañeiros", de Fernando Tato e protagonizada polo desaparecido Pedro Brandariz, fíxose co premio a Mellor Curtametraxe Galega desta 50 edición do CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcía. Ademais, pola peza "Teratoma", Jano Pita recibiu o recoñecemento como mellor director galego do certame. No palmarés de curtametraxes tamén levou premio á Mellor Curta de animación a obra "The Monkey" do director coruñés Xosé Zapata, que asina xunto con Lorenzo Degl’innocenti. O premio a Mellor Curta Fantástico foi para "Dispensary of Death" de Simon O’Neill (Irlanda, 2022), mentres que o público decantouse por "Operación Frankenstein",de José María Fernández de Vega (España, 2022). Na competición de longametraxes compre destacar o éxito da película italiana "Piove", que acadou ata catro galardóns: a Mellor Longametraxe; Mellor Director para Paolo Strippoli; Mellor Fotografía para Cristiano di Nicola; Mellores efectos especiais para Paolo Galliano e Chiara Bartoli. Ademis deste premios e do resto do palmarés desta edición, o festival fixo entrega dos seus premios honoríficos que, xunto aos nomes das figuras internacionais convidadas este ano (Mick Garris, Dave McKean e Lone Fleming) puxeron o do recentemente falecido Rafael Sabugueiro Gestal, un dos impulsores do certame de cine e vídeo en Vilagarcía.. Amplía a nova>>

28/10/2022
Cineuropa baila baixo a choiva

Celebrando a efeméride do musical "Cantando baixo a choiva", que se estreou fai 70 anos en 1952, o festival Cineuropa de Santiago de Compostela terá como eixo temático principal o ciclo 'Cancións para despois dunha guerra', unha ampla homenaxe ao cinema musical. A imaxe deste ano de Cineuropa está inspirada neste filme, con choiva de Santiago, un farol da Alameda e o paraugas morado e o vestido amarelo de Coralia, unha das dúas irmás Fandiño coñecidas como "As Marías". Hoxe mesmo o director do evento, José Luís Losa, presentou o programa da que será a 36ª edición deste evento, que terá comezo o vindeiro 4 de novembro e que suporá a proxección de ata 126 películas nas que estarán representados 30 países. No caso do ciclo sobre cine musical serán 23 os títulos que ofrecerá, películas que abranguen desde o musical clásico de Hollywood ata o revival que o xénero coñeceu a finais da década dos sesenta. O festival dará os seus Premios Cineuropa de honra ao cineasta galego Lois Patiño, ás actrices Ana Belén e Charo López e ao realizador lisboeta João Pedro Rodrigues. Como primicias, proxectaranse no Cineuropa a película española "Mantícora" de Carlos Vermut, e a arxentino- alemá "Trenque Lauquen" de Laura Citarella.. Amplía a nova>>

28/10/2022
O festival Mares da Fin do Mundo achega unha vintena de filmes a Outes

O filme Luzzu de Álex Camilleri, sobre un mariñeiro tradicional de Malta, abre ás cinco e media da tarde deste 28 de outubro Mares da Fin do Mundo a V Mostra Internacional de Cinema Documental do Concello de Outes. O programa, que se desenvolve ata o vindeiro 1 de novembro, achegará unha vintena de filmes chegados dunha ducia de países.. Amplía a nova>>

25/10/2022
Un encontro internacional de mulleres da escena reúne a 30 creadoras en Vigo

A Casa das Artes en Vigo acolle entre os día 25 e 27 de outubro MEI 2022. I Encontro Internacional de mulleres da escena en igualdade. A asociación Clásicas e Modernas coordina esta iniciativa que, baixo o lema Creando redes por unhas artes escénicas en igualdade reúne unha trintena de creadoras, directoras, produtoras, xestoras e dramaturgas.. Amplía a nova>>

24/10/2022
Seis galardóns para a longametraxe "O home e o can" en Madrid

A nova longametraxe do cineasta Ángel de la Cruz, "O home e o can" estreada recentemente no OUFF ven de acadar ata seis premios no Festival de Cine de Madrid, que organiza a Plataforma de Nuevos Realizadores. A película producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes, proxectouse no idioma galego orixinal na 31ª edición do festival madrileño e foi galardoada cos premios ás mellores interpretacións masculina e feminina para Manuel Manquiña e Paula Chaves, o Premio da Crítica á mellor película e os galardóns á Mellor Montaxe, Mellor Dirección de Casting e Mellor Guión. . Amplía a nova>>

24/10/2022
Alberte Pagán gaña dous premios do INTERSECCIÓN da Coruña

O cineasta Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) coa súa curtametraxe "Elefante" foi un dos grandes recoñecidos do festival INTERSECCIÓN de Arte Audiovisual Contemporánea que pechou este domingo a súa quinta edición na Coruña. O traballo de Pagán acadou o premio do xurado da Sección Galicia así como o Premio A Colectiva da mesma sección. O filme de Pagán recibiu recentemente unha mención especial no festival Curtocircuíto de Santiago. Outro dos títulos laureados no palmarés deste INTERSECCIÓN foi o filme portugués "Super Natural" Jorge Jácome, que recibiu o premio do xurado da Sección Internacional, así como o Premio NUMAX. Dentro da Sección Galicia a peza "XotaManeoMuiñeiraPasodobleRumba" de Juan López, recibiu o Premio Contemporánea, que inclúe a exposición da obra seleccionada en galerías da asociación Contemporánea. Ademais "The Softboy" de Laura Tabarés acadou unha mención especial do xurado da sección galega, igual quer na sección oficial conseguiu o filme "Fe" da donostiarra Maider Fernández. O público que pasou por esta edición do festival con máis duin cento de obras proxectadas decantouse no seu voto pola peza "La piel de Marte", de Maite Redondo.. Amplía a nova>>

21/10/2022
O Cebreiro acolle a preestrea do documental sobre Elías Valiña

A igrexa de Santa María do Cebreiro acolle na tarde deste 21 de outubro a preestrea do documental Elías Valiña. O inventor das frechas amarelas. Dirixido por Aser Álvarez e desenvolvido pola asociación Acude Rural e a produtora Arraianos Producións, este proxecto repasa a traxectoria do crego que impulsou as peregrinacións modernas.. Amplía a nova>>

20/10/2022
O Curtas do Imaxinario viaxa no tempo polo seu 50 aniversario

O 21 de outubro, este vindeiro venres, dará comezo en Vilagarcía de Arousa a 50ª edición do Curtas Festival do Imaxinario, o festival cinematográfico decano de Galicia celebrará ata o día 30 o seu medio século de existencia cunha referencia ás viaxes no tempo, ao coincidir a súa data de inicio (21 de outubro) con aquela á que chegaba Marty McFly, personaxe protagonista da saga "Regreso ao futuro" na segunda entrega da triloxía. Por tal motivo as tres películas desa coñecida saga dirixidas por Robert Zemeckis proxectaranse durante o evento e ademais haberá unha exposición que reunirá unha das maiores coleccións da saga de Europa e a maior de España. Unha gran colección, que inclúe máis de 400 obxectos, roupa dos personaxes, merchandising, autógrafos, produtos "screen accurate" (idénticos aos vistos en pantalla) e por suposto, algunhas pezas orixinais da saga e rarezas. Mesmo un coche Delorean similar ao das películas poderá verse en Vilagarcía estes días.. Amplía a nova>>

19/10/2022
'Unicorn Wars' de Alberto Vázquez estréase este venres en 29 salas de toda España

'Unicorn Wars', a agardada nova longametraxe de animación do cineasta e debuxante Alberto Vázquez, chegará este venres as salas comerciais de cine en toda España. Case trinta salas de todo o Estado proxectarán o filme nesta fin de semana, dez delas en Galicia, onde ademáis poderá verse na versión orixinal en galego en Lugo, Santiago e Ferrol, canda menos. En total serán 25 as localidades de toda España onde se poderá ver este filme que ven de pasar polo festival internacional de Sitges con gran acollida. Con 'Unicorn Wars', o creador coruñés consolídase como un dos grandes nomes da animación española e internacional, despois dos éxitos obtidos con 'Psiconautas, los niños olvidados', filme co que gañou o Goya á mellor longametraxe de animación, e coas súas aclamadas curtas Birdboy e Decorado -premios Goya á mellor curta de animación en 2012 e 2017, respectivamente− ou 'Homeless Home', esta última galardoada hai dous anos en Annecy co premio especial do xurado. A nova longametraxe está coproducida pola empresa galega Abano Producións xunto coa vasca Uniko Estudio Creativo e as francesas Autour de Minuit e Schmuby.. Amplía a nova>>

18/10/2022
INTERSECCIÓN ofrecerá vintedúas estreas mundiais da vangarda audiovisual

Hoxe comeza na Coruña a quinta edición de INTERSECCIÓN - Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, que ata o vindeiro 23 de outubro reunirá na cidade a máis de 120 cineastas, artistas e outros profesionais do cinema de vangarda e a arte contemporánea. Máis de 100 de obras producidas en máis de 20 países distintos poderán verse nas proxeccións do encontró. Serán obras seleccionadas e laureadas en festivais e museos tan relevantes como Cannes, Berlinale, Rotterdam, Nueva York, a Bienal de Venecia, o MoMA, a Tate ou o Museo Reina Sofía. Vintedous son estreas mundiais e outras vinteseis están por primeira vez en España. O Cine París e a Filmoteca de Galicia acollerán as proxeccións das sesións competitivas. Ademais, o Cine París, reaberto ao público con este festival, albergará tamén unha zona con oferta gastronómica e unha das seccións máis novidosas deste ano: unha instalación de Realidade Virtual (RV).. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org