O festival Mares da Fin do Mundo achega unha vintena de filmes a Outes

O encontro internacional de documentais sobre pesca e sustentabilidade celébrase ata o vindeiro 1 de novembro

O filme Luzzu de Álex Camilleri, sobre un mariñeiro tradicional de Malta, abre ás cinco e media da tarde deste 28 de outubro Mares da Fin do Mundo a V Mostra Internacional de Cinema Documental do Concello de Outes. O programa, que se desenvolve ata o vindeiro 1 de novembro, achegará unha vintena de filmes chegados dunha ducia de países.

As catorce producións a concurso, todas elas coa pesca sustentable e a protección do medio mariño como eixes, poderán optar ao xa habitual galardón do público, dotado con 200 euros, ao que nesta xeira a organización engadiu un premio ao mellor filme con 500 euros en metálico.

Canda ás fitas a concurso, o programa recolle unha sección paralela na que se poderá ver Nanook of de North, pioneiro documental do estadounidense Robert J. Flaherty e os filmes From the wild sea e Last of the right whales sobre o impacto humano do medio mariño.

Ademais das proxeccións, o programa inclúe unha andaina para coñecer estaleiros tradicionais, viaxes a bordo do veleiro Joaquín Vieta e de diferentes embarcacións tradicionais, degustacións gastronómicas ou unha mesa redonda sobre pesca sustentable. O festival está organizado polo Concello de Outes co apoio da Deputación da Coruña, e conta coa dirección de Marcos Gallego Fernández.