O festival CURTAS reparte os premios da súa 50ª edición

Os galegos Jano Pita, Fernando Tato e Xosé Zapata saen premiados polas súas curtametraxes

A curtametraxe "Compañeiros", de Fernando Tato e protagonizada polo desaparecido Pedro Brandariz, fíxose co premio a Mellor Curtametraxe Galega desta 50 edición do CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcía. Ademais, pola peza "Teratoma", Jano Pita recibiu o recoñecemento como mellor director galego do certame. No palmarés de curtametraxes tamén levou premio á Mellor Curta de animación a obra "The Monkey" do director coruñés Xosé Zapata, que asina xunto con Lorenzo Degl’innocenti. O premio a Mellor Curta Fantástico foi para "Dispensary of Death" de Simon O’Neill (Irlanda, 2022), mentres que o público decantouse por "Operación Frankenstein",de José María Fernández de Vega (España, 2022). Na competición de longametraxes compre destacar o éxito da película italiana "Piove", que acadou ata catro galardóns: a Mellor Longametraxe; Mellor Director para Paolo Strippoli; Mellor Fotografía para Cristiano di Nicola; Mellores efectos especiais para Paolo Galliano e Chiara Bartoli. Ademis deste premios e do resto do palmarés desta edición, o festival fixo entrega dos seus premios honoríficos que, xunto aos nomes das figuras internacionais convidadas este ano (Mick Garris, Dave McKean e Lone Fleming) puxeron o do recentemente falecido Rafael Sabugueiro Gestal, un dos impulsores do certame de cine e vídeo en Vilagarcía.