Novas | 411 a 420 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

18/11/2022
Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona

O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia. . Amplía a nova>>

18/11/2022
Culturgal reforza os espazos profesionais na súa 15 edición

A conmemorar os seus quince anos Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, presentaba este 18 de novembro a súa programación. Pontevedra acollerá unha vez máis a cita, que se desenvolve entre os días 24 e 27 con Eva Alonso a se estrear na dirección. Co lema 15 anos cos fíos da Cultura , a feira estará aberta ao público a partir do día 25 desde as 11 da mañá, con entradas que custan 4 euros para persoas adultas, 3 euros para menores de 16 anos, e que son de balde para crianzas de ata tres.. Amplía a nova>>

17/11/2022
Eloy Domínguez Serén estrea hoxe en Xixón "Al otro lado del mar"

O filme "Al otro lado del mar", asinado a dúas mans polo galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno Álvarez fai hoxe a súa estrea mundial no 60 Festival Internacional de Cine de Xixón. A película, que participa na sección oficial 'Tierres en trance', xa tivo hoxe un pase restrinxido ás 9 da mañá para prensa e persoal acreditado e terá a estrea oficial ás 19:30 horas en OCine. En "Al otro lado del mar" Eloy Domínguez e Samuel Moreno amosan a correspondencia fílmica que mantiveron entre ambos ao longo de tres anos e cada un desde a súa terra de orixe, Galicia e Colombia. Estas cartas filmadas amosan as reflexións compartidas entre eles así como a súa amizade sostida pola loita en común contra a soidade. Cargadas de pouso teórico , nelas ambos cineastas amósanse accesibles e abertos, confesionais e achegados.. Amplía a nova>>

14/11/2022
Dous novos documentais conmemoran os vinte anos do Prestige

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollía este 13 de novembro a presentación de 20 anos de dignidade, documental co que a Plataforma Nunca Máis conmemora dúas décadas das mobilizacións populares contra a catástrofe do Prestige. O filme, dirixido por Xosé Aragunde, recolle "recolle testemuñas de diferentes persoas que participaron de xeito directo na xénese de Nunca Máis, mais tamén da xente do mar que posúe unha visión directa da catástrofe".. Amplía a nova>>

09/11/2022
Preséntanse tres vídeos complementarios ao estudo sobre a muller no audiovisual galego

O informe " A representatividade e a representación das Mulleres no Audiovisual Galego. Ficción 2020" da Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuais (CIMA) servirá de base para un acto hoxe no que tomará parte a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres-Romay e a directora de Igualdade da Uvigo, Águeda Gómez. O evento, que poderá seguirse en directo hoxe ás 17:00 horas pola canle de YouTube da deputación incluirá a presentación dos vídeos "Análise de Planos con perspectiva de xénero", "A representatividade das Mulleres no sector" e "desenvolvemento da proposta didáctica", para comezar logo un debate/conversa ao que se sumarán a actriz Mariana Carballal e a socióloga Amada Trabada. . Amplía a nova>>

09/11/2022
Falece o documentalista valenciano LLorenç Soler

O cineasta valenciano Llorenç Soler falecía este martes 8 de novembro en Barcelona aos 86 anos de idade. Soler fixérase moi coñecido en Galicia polo seus traballos de documental nos que abordou importantes conflitos sociais que se deron no noso país nos últimos anos 70. Deste xeito, títulos como Autopista, unha navallada á nosa terra (1977) e O monte é noso (1978) amosaron unha perspectiva do país pouco vista ata entón e marcaron a historia do xénero no audiovisual galego.. Amplía a nova>>

08/11/2022
O Dúplex de Ferrol representará a España no Mes do Cine Europeo

A Academia do Cine Español seleccionou a sala ferrolá Dúplex como única representante do estado no Mes do Cine Europeo. O espazo galego será un dos 35 que representen outros tantos estados integrados neste programa a actuar como embaixadores das diferentes filmografías continentais.. Amplía a nova>>

07/11/2022
A XXXI Semana de Cine Submarino ofrecerá documentais de autor

A XXXIª Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, arranca este martes e achegará durante tres días ao público asistente destacadas producións audiovisuais, tanto locais, como internacionais, ás que seguirá cada unha das xornadas un debate no que participarán realizadores, persoal investigador e divulgadores mariños. A programación comprende seis documentais e unha conferencia nunha edición na que o fío condutor serán os documentais de autor españois. Ao longo das tres xornadas proxectaranse varios traballos con selo español, xunto con algún convidado internacional, cos que as e os espectadores percorreran dende os fondos da ría de Vigo, ata o río Douro, pasando polo mar de Sudán ou a fosa das Marianas en Java. A Semana ofrecerá durante a primeira xornada os audiovisuais "Mar limpo, mar vivo", da Confraría de Pescadores de Vigo; "One breathe around the world", protagonizado por Guillaume Néry, campión do mundo en apnea, e "Durienses: los endemismos del Douro", a proposta de augas doces da Semana na que o biólogo Carlos Rodríguez analiza durante tres anos de observación as especies na conca do Douro. . Amplía a nova>>

03/11/2022
Premios para as realizadoras Diana Toucedo e Paula Cons

O filme "Tatuado nos ollos levamos o pouso", da realizadora Diana Toucedo alzouse co premio á mellor película da sección competitiva da Vª Mostra Internacional de Cinema Documental do Concello de Ordes, Mares da Fin do Mundo. O xurado oficial acordou outorgar este premio ao filme de Toucedo, galega residente en Barcelona, co que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, á beira da illa de San Simón. O xurado fixo tamén unha mención especial ao documental "Atalaia/Piueiro", de Xisela Franco, sobre as redeiras e sobre a carpintería de ribeira, para o que contou coa colaboración das Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a de Embarcacións Tradicionais O Piueiro. O Premio do Público foi para o filme "Last of Us", de Andrea Marcovicchio.. Amplía a nova>>

02/11/2022
A RAG convida a usar o galego da man das Superheroínas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago acollía na mañá deste 2 de novembro a presentación de Superheroínas. A nova serie de producións audiovisuais da Real Academia Galega, que continúa o proxecto Novas voces para a lingua, conta con mulleres que son referentes en distintos ámbitos para convidar a mocidade do país a empregar o galego.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org