05/12/2022
A Coruña disporá dun gran estudo virtual de produción audiovisual
A Deputación da Coruña anunciou a creación dun "estudo virtual de produción audiovisual" na "cidade das TIC" da Coruña co obxectivo de ofrecer servizos para produtoras que permitan a filmación de 'contidos inmersivos de ficción' no interior de plató. Para o proxecto destinaranse 6'7 millóns de euros, dos que cinco millóns estarán financiados con cargo aos fondos Next Generation e 1'7 proceden de fondos propios da Deputación coruñesa. O estudo inclúe o que se coñece como 'plató Mandalorian', unha pantalla LED de enorme definición que permite gravar a personaxes fóra de espazos naturais. Este tipo de instalacións permiten reducir moito os custes de produción e postprodución, e empréganse moito para a simulación de exteriores. .
Amplía a nova>>
05/12/2022
A Filmoteca de Galicia apura con novas ofertas a celebración sobre María Casares
A Filmoteca de Galicia manterá o protagonismo de María Casares, no ano do seu centenario, a través da súa programación deste decembro e no mes de xaneiro. Tres filmes, unha gravación dunha das súas obras teatrais, e a presentación dun libro traerán de novo a memoria da actriz coruñesa ante o público neste derradeiro mes do ano. O ciclo María Casares no seu centenario ofrece o documental 'Las dos memorias', de Jorge Semprún, e as longametraxes de ficción 'La lectora', de Michel Deville, o día 7 e 'Monte bajo', de Julián Esteban, o día 9. Para o día 22 está programada na cinemateca autonómica a proxección dunha gravación en directo da produción teatral Macbeth, de 1959, na que a actriz galega lle daba vida a Lady Macbeth baixo a dirección artística de Claude Barma. Neste sentido a Filmoteca está a traballar en recompilar unha escolma co fin de ofrecer unha serie de material televisivo pouco coñecido sobre a gran intérprete. Xa a partir de xaneiro, poderá verse na Sala José Sellier da Coruña parte desta recompilación, que incluirá tamén a proxección da posta en escena de Hamlet e un par de telefilmes, así como varias intervencións de María Casares e noticias sobre ela na televisión francesa. Ademais fóra xa do estritamente audiovisual, a sede da Filmoteca de Galicia na Coruña acollerá o martes 13 a presentación do libro 'A única. María Casares' a cargo da súa autora, a escritora e tradutora francesa Anne Platagenet..
Amplía a nova>>
01/12/2022
Zahera, Anido, Tosar, Barros e Vázquez finalistas a un Goya
A película "As bestas" de Rodrigo Sorogoyen, rodada en Galicia e tomando como base un suceso real ocorrido tamén na nosa comunidade, ven de obter 17 candidaturas finalistas nos Premios Goya do cine español. Entre elas, dúas recaen directamente en dous dos intérpretes galegos do filme: Luis Zahera e Diego Anido. Ambos actores dan vida a dúas personaxes principais da historia, e optan polo seu traballo ao premio a Mellor actor de reparto, competindo entre si e con outros tres intérpretes. Ademais deles o lucense Luis Tosar entra tamén no listado de finalistas a Mellor actor protagonista pola súa interpretación en "En los márgenes". Outra importante presenza galega nesta recta final cara os premios da academia española é a do filme "Unicorn Wars" de Alberto Vázquez, que é candidato ao galardón a mellor película de animación. Ademais deles a academia tamén seleccionou como finalista na categoría de curtametraxe documental o filme "Memoria" de Nerea Barros, que supón o debut na dirección da actriz compostelá. A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España deu a coñecer esta mañá a lista completa de finalistas. A gala de entrega celebrarase o vindeiro 11 de febreiro en Sevilla..
Amplía a nova>>
30/11/2022
O Chanfaina Lab recibe o XI Premio José Sellier
O proxecto de creación audiovisual colectiva Chanfaina Lab, que se celebra anualmente no Concello de San Sadurniño, foi recoñecido pola Academia Galega do Audiovisual co XI Premio Especial José Sellier. A Academia destaca desta iniciativa "que fomenta a liberdade creativa e favorece a convivencia, unindo a cineastas de calquera idade, xénero, procedencia ou traxectoria para compartir experiencias arredor da obra cinematográfica"..
Amplía a nova>>
30/11/2022
Finalizan a webserie 'Mataría' cunha homenaxe a Brandariz
A webserie 'Mataría. Microserie', premiada na última edición dos premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego, pon a fin ao seu percorrido, truncado pola morte inesperada a principios de ano do seu protagonista e un dos dous responsables da súa realización, Pedro Brandariz. Coma unha homenaxe ao malogrado artista, o outro responsable do proxecto, o realizador Javier Seoane, presenta agora os tres derradeiros capítulos co material xa gravado, que irán difundíndose durante o mes de decembro, cada domingo do mes publicaranse nas canles de YouTube e Instagram da serie un novo capítulo e rematará todo o proxecto o día de Nadal publicando un documental que dará conta de toda concepción e realización da webserie para o que usará, entre outras cousas, as gravacións de voz que Brandariz enviaba a Seoane polo Whatsapp. Deste xeito rematarase o ano cunha homenaxe máis ao desaparecido actor desde un dos seus proxectos máis persoais e recoñecidos. "Mataría" organízase en pequenos capítulos de tres ou catro minutos e cada un deles é independente e autoconclusivo. .
Amplía a nova>>
28/11/2022
O home e o can triunfa no Festival de Cine sobre Discapacidade
O XV Festival Internacional de Cine sobre Discapacidade de Collado Villalba (FECIDISCOVI) recoñeceu a produción galega
O home e o can con dous dos seus galardóns. O xurado do certame escolleu o filme dirixido por Ángel de la Cruz como merecente do premio á mellor película desta edición este 26 de novembro..
Amplía a nova>>
25/11/2022
O Festival Cinema Miúdo achega a Ames 60 curtametraxes
As casas da cultura de Bertamiráns e O Milladoiro, en Ames, acollen entre os días 24 e 27 de novembro a quinta edición do Festival Internacional Cinema Miúdo. Esta iniciativa proxecta un total de 60 curtametraxes, entre elas 37 a concurso chegados de Francia, Noruega, China, Rusia, Portugal, España, Estonia ou Galicia, organizados en catro categorías por idades..
Amplía a nova>>
24/11/2022
Chega aos cines o documental '10 de Marzo' de Roi Cagiao
A data do 10 de marzo de 1972 quedou para a historia española, galega e ferrolá asociada para sempre a uns acontecementos definitorios da represión do réxime ditatorial que naquel momento gobernaba España co Xeneral Franco como dirixente. Aquel día, Amador Rey e Daniel Niebla, traballadores dos estaleiros Bazán, en Ferrol, morreron como consecuencia dos disparos da policía durante a represión dunha manifestación sindical. Canda eles, houbo un lote importante de feridos e detidos. O filme '10 de Marzo', dirixido por Roi Cagiao con guión do realizador e máis de Iñaki Varela, busca mergullar aos espectadores nos sucesos acaecidos neses días abordando todo o proceso de penetración das comisións obreiras e do partido comunista dentro do estaleiro Bazán, as tensións na negociación do convenio, os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo e a repercusión internacional dos mesmos, así como o chamado "Proceso dos 23" no que os principais dirixentes obreiros foron xulgados tres anos máis tarde. O filme chega este venres ás salas de Galicia, e este xoves preséntase nunha preestrea no cine DUPLEX (Ferrol) e no CODEX Cinema de Lugo, No primeiro dos recintos as entradas xa están esgotadas e contará ademais da proxección con presentación e coloquio co director e equipo do filme; en Lugo, ás 20:30 horas de hoxe xoves a preestrea irá acompañada de presentación e coloquio co produtor e equipo do filme..
Amplía a nova>>
22/11/2022
O ano de María Casares encara a fin con importantes accións
A recta final da celebración do centenario de María Casares tivo o seu punto de partida onte, a coincidir coa data exacta de nacemento da actriz, o 21 de novembro. Coa efeméride como pano de fondo, a Cidade da Cultura abriu unha mostra bibliográfica para achegar ao público o percorrido vital desta destacada figura da cultura. A exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de xaneiro na Biblioteca de Galicia, está composta por fondos propios da institución, cun total de 29 libros e oito revistas ás que acompañan material audiovisual como DVD ou discos. Ademais disto o Teatro Colón da Coruña (un espazo para o que hai quen reivindica o renomeamento como Teatro María Casares) acolleu a estrea en Galicia do documental "María Casares, a muller que viviu mil vidas", dirixida polo realizador coruñés Xavier Villaverde e producida por Agallas Films. A película, que tivo a súa estrea absoluta na recente Seminci de Valladolid, estará próximamente dispoñible na plataforma FILMIN. A estrea enmarcouse na celebración do encontro internacional "María Casares. Cen anos de vida", que desde onte se está a celebrar na Casa Museo Casares Quiroga da cidade herculina. Alí reúnense estes días arredor da memoria da actriz figuras da cultura e da investigación histórica como María Lopo, Marion Chénetier-Alev, Johanna Silberstein, Nathalie Cabrera, Sabela Hermida, Mabel Rivera, Esther Lázaro, Alberto Ramos, Emilio Grandío, Xosé Alfeirán, Francisco Xavier Redondo Abal e Manuel Aznar Soler..
Amplía a nova>>
21/11/2022
Os Premios da Crítica amosan unha "Galicia infinda" de propostas salientables
O lema "Galicia é infinda", debido ao poeta Florencio Delgado Gurriarán, presidiu o acto de comunicación do ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia, que tivo lugar este sábado na sede de Afundación de Vigo. Alí os diferentes xurados das modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica, compostos por ata 56 persoas, fixeron públicas as súas decisións..
Amplía a nova>>