O ano de María Casares encara a fin con importantes accións

Estreouse un documental de Xavier Villaverde no congreso internacional e abriuse unha exposición na Biblioteca de Galicia

A recta final da celebración do centenario de María Casares tivo o seu punto de partida onte, a coincidir coa data exacta de nacemento da actriz, o 21 de novembro. Coa efeméride como pano de fondo, a Cidade da Cultura abriu unha mostra bibliográfica para achegar ao público o percorrido vital desta destacada figura da cultura. A exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de xaneiro na Biblioteca de Galicia, está composta por fondos propios da institución, cun total de 29 libros e oito revistas ás que acompañan material audiovisual como DVD ou discos. Ademais disto o Teatro Colón da Coruña (un espazo para o que hai quen reivindica o renomeamento como Teatro María Casares) acolleu a estrea en Galicia do documental "María Casares, a muller que viviu mil vidas", dirixida polo realizador coruñés Xavier Villaverde e producida por Agallas Films. A película, que tivo a súa estrea absoluta na recente Seminci de Valladolid, estará próximamente dispoñible na plataforma FILMIN. A estrea enmarcouse na celebración do encontro internacional "María Casares. Cen anos de vida", que desde onte se está a celebrar na Casa Museo Casares Quiroga da cidade herculina. Alí reúnense estes días arredor da memoria da actriz figuras da cultura e da investigación histórica como María Lopo, Marion Chénetier-Alev, Johanna Silberstein, Nathalie Cabrera, Sabela Hermida, Mabel Rivera, Esther Lázaro, Alberto Ramos, Emilio Grandío, Xosé Alfeirán, Francisco Xavier Redondo Abal e Manuel Aznar Soler.





Tamén en París estes días leváronse a cabo accións dentro da efeméride dedicada á actriz coruñesa, que desenvolveu alí a parte máis importante da súa carreira artística e que formou parella cunha das figuras culturais máis reivindicadas en Francia, Albert Camus. Radio France, a radio pública francesa, produciu un podcast a partires da correspondencia entre Casares e Albert Camus, nel se dan lectura ás 865 cartas entre ambos baixo o título "Les exilés du soleil". Ademais a capital gala homenaxeouna poñéndolle o seu nome a unha das pontes que cruzan a canle Saint Martin, próxima á rúa de Albert Camus. Coa Coruña como epicentro da celebración deste centenario, exposicións, estreas de películas e documentais, conferencias, charlas, poesía, actividades didácticas para escolares e nas bibliotecas municipais, difusión turística, presentacións de libros, visitas guiadas, podcast, teatro, cine, postcrossing, encontros, rutas e outros actos e disciplinas foron desenvoltas durante o Ano Internacional María Casares que permitiu o recoñecemento a María Casares por parte da súa terra natal e resaltar a importancia que tivo a súa figura para a cultura española e francesa.Como lembran desde o Concello da Coruña, esta foi tamén unha celebración que axudou a recordar e analizar un dos períodos máis cruentos e complicados da historia de España así como a importancia do exilio republicano xunto coas vivencias dalgúns dos seus principais protagonistas.