O Festival Cinema Miúdo achega a Ames 60 curtametraxes

Desenvólvese co lema Unha aperta ao planeta entre os días 24 e 27 de novembro

As casas da cultura de Bertamiráns e O Milladoiro, en Ames, acollen entre os días 24 e 27 de novembro a quinta edición do Festival Internacional Cinema Miúdo. Esta iniciativa proxecta un total de 60 curtametraxes, entre elas 37 a concurso chegados de Francia, Noruega, China, Rusia, Portugal, España, Estonia ou Galicia, organizados en catro categorías por idades.

Co lema Unha aperta ao planeta, esta xeira presta unha especial atención á temática ambiental. Ademais das curtametraxes, o programa inclúe unha longametraxe, unha sesión de videoclips, actuacións musicais, animación e un obradoiro.

Esta edición homenaxea a produtora Abano Producións, estudo dirixido por Chelo Loureiro especializado en animación, e conta co veterano festival portugues Cinanima Junior como evento convidado. Miguel Anxo Alfonso Diz, Paulo Mosca e Isabel Rey son os responsables de seleccionar as obras premiadas no festival.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 25 ás 17 horas o evento de inauguración, cunha sesión de proxeccións e un espectáculo de clown a cargo de Barafunda. A sesión de clausura celebrarase o domingo 27 ás 18:30 na Casa da Cultura do Milladoiro, con Peter Punk como anfitrión.