O Chanfaina Lab recibe o XI Premio José Sellier

A Academia do Audiovisual recoñece o proxecto do Concello de San Sadurniño

A Academia do Audiovisual recoñece o proxecto do Concello de San Sadurniño
O proxecto de creación audiovisual colectiva Chanfaina Lab, que se celebra anualmente no Concello de San Sadurniño, foi recoñecido pola Academia Galega do Audiovisual co XI Premio Especial José Sellier. A Academia destaca desta iniciativa "que fomenta a liberdade creativa e favorece a convivencia, unindo a cineastas de calquera idade, xénero, procedencia ou traxectoria para compartir experiencias arredor da obra cinematográfica".

Do mesmo xeito, o fallo salienta o se tratar dunha proposta "que reivindica a súa alma rural e o seu espírito comunitario, sendo quen de implicar a veciñas e veciños e de inspirar as vocacións de novas xeracións de cineastas". O presidente da entidade Álvaro Pérez Becerra destacou do Chanfaina Lab que "pon o foco no territorio, que debera ser un protagonista máis no audiovisual que producimos aquí. Aposta ademais por unha mirada ampla sobre o talento, contando con creadores de diferentes idades e experiencias" e cualificou a proposta como "todo un exemplo de como debemos comportarnos como sector".

A entrega do galardón, consistente nunha escultura do artesán coruñés Teodoro Castro, desenvolverase o vindeiro 3 de decembro nunha gala no Teatro Colón da Coruña. O premio da Academia recoñece anualmente o labor de iniciativas salientables dentro do sector audiovisual.