A RAG convida a usar o galego da man das Superheroínas

Mulleres referentes en distintos ámbitos protagonizan a nova serie de vídeos da Academia

Mulleres referentes en distintos ámbitos protagonizan a nova serie de vídeos da Academia
Cabeceira do capítulo de Superheroínas sobre Lucía Freitas.
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago acollía na mañá deste 2 de novembro a presentación de Superheroínas. A nova serie de producións audiovisuais da Real Academia Galega, que continúa o proxecto Novas voces para a lingua, conta con mulleres que son referentes en distintos ámbitos para convidar a mocidade do país a empregar o galego.

A cociñeira Lucía Freitas, a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge e a fotógrafa Antía Castro protagonizan cadansúa peza desta serie, que está dirixida por Diego Ferreira.

Segundo apuntou o presidenta da RAG, Víctor F. Freixanes, "Superheroínas expresa unha nova realidade: mulleres novas que dende distintas actividades e coñecementos se manifestan abertamente a prol da práctica do idioma galego, algo que define con esperanza un horizonte novo".

O primeiro dos vídeos do proxecto, protagonizado por Lucía Freitas, está xa dispoñible nas páxinas web da RAG e da USC. O resto das entregas iranse estreando ao longo das vindeiras semanas. A iniciativa desenvólvese mediante a colaboración entre a Academia e a Universidade de Santiago de Compostela e co apoio económico da Xunta de Galicia.