Máis castros de a cabalo entre dúas épocas

Intervencións arqueolóxicas na Croa de Posmarcos, Teso da Ermida, Barbude e a illa de Tambo

Intervencións arqueolóxicas na Croa de Posmarcos, Teso da Ermida, Barbude e a illa de Tambo
Visita guiada no castro da Croa de Posmarcos (A Pobra do Caramiñal).
Decembro está dando conta das últimas campañas arqueolóxicas do ano promovidas pola Consellería de Cultura. Desta volta, a intervención valorativa na Croa de Posmarcos (A Pobra do Caramiñal) permitiu confirmar a existencia dun poboado fortificado cunha grosa muralla de máis de dous metros de diámetro e a existencia de cando menos dous horizontes temporais no xacemento: un correspondente á segunda Idade do Ferro e outro a época romana. O castro da Croa de Posmarcos atópase na parroquia de santo Isidro e é un xacemento de interior, moi orientado cara un val fértil de tradicional uso agrícola. A peculiaridade das evidencias atopadas é que boa parte do material da Idade do Ferro (diferentes tipo de cerámicas) localízase preto da muralla ou no derrubo dunha gran estrutura que pode ser unha cabana, mentres que as pezas de material romano se atopan ao redor dunha estrutura de combustión, no lado oposto da croa do castro. Onde se atopan materiais romanos non aparecen galaicos e viceversa.

Por outra banda, a nova intervención no castro do Teso da Ermida (Navia de Suarna) confirmou o bo estado de conservación do xacemento, onde se conservan vivendas de ata catro meros de altura. A nova intervención permite comprobar os bancais nos que foron construídas sete das vivendas localizadas, con zonas de paso, sistemas de drenaxe e escaleiras. Atopáronse pezas de material cerámico e moi domésticas, nas que aparece material romano. Por outra banda, a intervención no castro Barbude (A Estrada) permitiron localizar unha muralla da Idade do Ferro. Os traballos en Barbude estiveron centrados na zona máis alta do castro e no camiño de acceso, e ofreceron materiais propios da idade do Ferro, entre o século II e I a.C, aínda que tamén apareceron materiais medievais e romanos. Pola súa banda, as actuacións na illa de Tambo permitiron confirmar unha longa secuencia cronolóxica de uso da illa, con fases na idade do Bronce, na idade do Ferro, en época romana e tamén medieval.