A nova campaña no castro da illa de Ons confirma a densa ocupación do xacemento desde a Idade do Ferro

Aparece un novo tesouriño de 109 moedas tardoantigas

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Vista cenital do castro. Foto: GEAAT

Vista cenital do castro. Foto: GEAAT

A nova campaña no castro de O castelo dos mouros, na illa de Ons, confirmou as sospeitas do equipo arqueolóxico de que a ocupación do xacemento estendeuse fóra das murallas en dirección ao mar e o lugar das factorías de salga e produción de púrpura. A intervención, realizada tanto na terraza inferior do castro coma no exterior das murallas, confirma que o castro estivo "densamente poboado" na Idade do Ferro e na época romana pero "con estratexias de poboamento diferentes". Deste xeito, mentres os galaicos estaban establecidos unicamente no interior da muralla, en época romana fóronse abrindo novas estruturas na ladeira revelando que a muralla carecía xa do sentido defensivo e articulador anterior. A intervención permitiu confirmar tamén que na primeira fase de ocupación do castro, cando se construíron nas murallas, a poboación residía no interior "en construcións con materiais perecedoiros". A nova campaña permite coñecer moi ben como foi a superposición entre as antigas estruturas ovaladas e circulares da Idade do Ferro e as novas estruturas de planta rectangular de época romana. A escavación, levada a cabo polo grupo de investigación GEAAT da Universidade de Vigo co financiamento da Xunta de Galicia, permitiu recuperar numerosos materiais arqueolóxicos, tanto ánforas de diferentes procedencias, cerámicas finas, obxectos metálicos, restos de fauna e un novo tesouriño de 109 moedas de bronce "probablemente do século IV", e que se suma ao atopado en campañas anteriores.

Que che parece esta nova?
123 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ons, Idade do Ferro, Moedas, Castelo...