Durante a recente intervención no castro de Esmelle (Ferrol), os investigadores da Cátedra de Arqueoloxía da Universidade da Coruña e o concello de Ferrol localizaron unha sucesión de estruturas. Á luz dos materiais atopados, todo parecía indicar que os niveis máis recentes eran de época romana e que as primeiras estruturas detectables foran construídas na Idade do Ferro. Os resultados das probas de radiocarbono permiten achegar que os niveis construídos máis antigos do castro de Esmelle son da segunda Idade do Ferro, no século III a.C., en consonancia con moitos outros castros, aínda que existen indicios dunha ocupación que pode atrasar a datación de Esmelle un século antes. A última ocupación revela que o castro non pareceu continuar como hábitat demasiado tempo na época romana. As últimas datacións son do século I d.C.