Atopan no castro de Ons un acubillo con 200 moedas romanas

As primeiras estimacións sitúanas en época tardoantiga

O Castelo dos Mouros, o asentamento castrexo na illa de Ons que está a ser escavado pola Universidade de Vigo con financiamento da Xunta de Galicia, segue a ofrecer novas sorpresas. As diferentes intervencións levadas a cabo polo equipo de Adolfo Fernández foron revelando factorías de salga e elaboración de púrpura no litoral, un asentamento próximo e tamén o uso do castro durante época romana. Ata agora coñecíase que aparecera un pequeno tesouriño, pero o novo achado sinala unha acumulación importante de moedas. Aínda que as pezas están aínda en fase de estudo, todo parece indicar que se trata de exemplares do século III ou IV que foron agachados por algunha razón descoñecida. Estes procesos de acocho son moi frecuentes no Imperio romano neses séculos a coincidir co incremento da inseguridade e das turbulencias políticas.