Tres proxectos galegos entran no circuíto estatal Girando Por Salas

Grande Amore, Antía Muíño e Javi Chapela seleccionados entre 655 proxectos de todo o Estado

Grande Amore, Antía Muíño e Javi Chapela seleccionados entre 655 proxectos de todo o Estado
Trinta e cinco foron finalmente os elixidos de entre os 655 proxectos musicais (bandas ou solistas) de toda España que entraron na selección previa para poder participar no circuíto Girando Por Salas, patrocinado polo Instituto das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura e Deporte e organizado por diferentes asociacións profesionais do sector musical. Deses 35, tres corresponden con propostas galegas, dúas delas ademais levando a lingua galega nas súas composicións. É o caso da formación Grande Amore e da artista santiaguesa Antía Muíño. Esta última levou en 2022 o premio Martín Códax á Mellor Artista Emerxente, mentres que Grande Amore ten tamén o Martín Códax de 2022 na categoría de música electrónica e acadou en 2024 o Premio MIN a Mellor disco en Lingua galega polo seu disco "II" (Ernie Producciones). Ademais deles a presenza galega neste listado de proxectos que irán pasando por salas de concertos de todo o Estado complétase co coruñés Javi Chapela. O circuíto, que na anterior convocatoria reuniu a 200 espazos e programou case 150 actuacións, ten como obxectivo visibilizar aos artistas de cada comunidade autónoma nas outras.