Antía Muíño coloca a súa "Carta aberta" nas listas

A cantautora compostelá presenta o seu disco de debut tras recibir o Premio Martín Códax como artista emerxente

A santiaguesa Antía Muíño, recente premio Martín Códax á Mellor Artista Emerxente, debuta en solitario co disco "Carta aberta" (Raso estudios, 2022). Con este traballo publicado en novembro xa conseguiu ser seleccionada pola plataforma dixital Spotify como embaixadora da música española na lista EQUAL, que recolle o talento feminino feito en distintos países do mundo. Muíño, que se iniciou musicalmente na música tradicional galega, transita hoxe polos sons que van do jazz, a bossa nova, o flamenco e o folk pop, sen renunciar ás sonoridades de raíz galega e cun maioritario uso do noso idioma nas súas composicións como cantautora. As súas cancións, cunha fundamental base acústica, outorgan protagonismo á súa voz, un dos puntos fortes da artista a máis da súa capacidade compositora. Antía Muíño, reside en Donostia en Gipuzkoa, onde se levou a cabo a gravación do disco en Lezoti Estuidoa e o pasado foi seleccionada dentro do proxecto de apoio a artistas emerxentes Katapulta Tour Gipuzkoa 2021.



Once temas ten este "Carta aberta" editado co selo Raso Estudios no que tamén publican artistas como Baiuca ou Xosé Lois Romero & Aliboria. O tema que dá nome ao álbum foi o primeiro en ser presentado. Ao longo do disco, editado en CD e vinilo, Muíño vai habitando diferentes climas, coa canción galega como punto de conexión en todo caso. A artista tamén inclúe algunhas pezas en castelán de inspiración ibérica ou latinoamericana e tamén en francés coa versión que fai do clásico medieval "Une jeune fillette". No resto dos temas a compostelá usa o galego nas súas composicións propias así como cando fai versións de cantares tradicionais. Na gravación a propia Antía ocupouse da guitarra ademais da voz, mentres que contou con Miguel Arribas para os instrumentos de vento e teclado e con Nerea Quincoces nas percusións. O disco pode escoitarse xa en plataformas e mercarse a través do Bandcamp de Raso Estudios.