A asociación Músicas ao Vivo (MAV), en representación dos intérpretes galegos a ela vencellados, ven de expresar a súa desconformidade coas bases do circuíto estatal Girando Por Salas (GPS) que promove concertos por toda España co patrocinio do Instituto de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) do Ministerio de Cultura e Deporte. A entidade galega comunicoulle esta disconformidade á organización de GPS, na que están presentes varias asociacións de diferentes partes da industria musical, respecto ao requisito obrigatorio a grupos ou artistas de ter o seu último traballo publicado en plataformas dixitais concretas (nomeadamente Spotify ou Deezer) paras poder acceder á convocatoria do ciclo, rexeitando aquelas nas que é o propio artista, sen intermediarios, o que pode difundir a súa obra (Soundcloud ou YouTube, nomeadamente). Desde MAV manifestáronlle á organización a retirada dese punto das bases entendendo que "non ten sentido" ao non responder, segundo eles, a criterios de calidade ou profesionalidade e entendendo que ese requisito "non debe ser motivo polo que un bo proxecto quede fóra, máis aínda cando se trata dun circuíto apoiado con diñeiro público". MAV sinala que debido a ese punto das bases "xa se rexeitaron proxectos de gran valía simplemente por non participar do negocio das grandes plataformas dixitais".
Músicas ao Vivo declárase desconforme coas bases do circuíto de concertos do INAEM
Solicitan retirar de Girando Por Salas o requisito de publicación en plataformas dixitais
25 lecturas | Compartido 0 veces

