A CRTVG aproba 12 novas producións dixitais para as súas plataformas

Unha serie explora a música popular en feminino e outra dá a perspectiva do territorio desde a voz dos escritores

A CRTVG aprobou a produción de 12 novos proxectos no marco da súa convocatoria de selección de produtos dixitais en lingua galega, cunha achega de 300.000 euros. Entre os 12 proxectos hai contidos divulgativos, infantís, de entretemento, humor ou cultura sobre moi distintas áreas e todos eles teñen en común que están creados especificamente para a contorna dixital, polo que os proxectos, que reciben ata 25.000 euros para a súa produción, serán emitidos a través das diversas plataformas dixitais da CRTVG, fundamentalmente AGalega.gal e a app infantil Xabarin.gal.

Entre os contidos aprobados hai dous de marcada carácter cultural. É o caso da serie 'Canta miña compañeira', de Aqueladas S. Coop. Gal. Xuvenil, que explora a evolución da música popular galega a través das mulleres que a mantiveron viva. Esta serie documental celebra o seu rexurdir nos torreiros do século XXI, conectando o pasado co presente nunha guía para redescubrir a nosa identidade musical. O proxecto leva o mesmo título e mesma intención que o libro publicado por Maria lado en Xerais. Arredor da actividade cultural tamén xira 'Galicia no espello', de Sombriza Films, S.L., serie documental en que Galicia será descuberta a través das verbas dos seus escritores e escritoras. Eles e elas serán os encargados de poñer en palabras a súa visión sobre o noso territorio a través da lírica, da narrativa, dos contos ou do ensaio. Os outros dez proxecto aprobados pola convocatoria inclúen contidos divulgativos, infantís, de entretemento ou humor. Tres son series de animación, xa sexa en 2D ou 3D.
Ligazóns