Antía Muíño presenta 'Anfibia por veces'

O segundo álbum da cantautora consolida e amplía a súa diversidade estilística

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Antía Muíño presenta 'Anfibia por veces'

A compostelá Antía Muíño recollía no ano 2022 o Premio Martín Códax á Artista Emerxente e ese mesmo ano sacaba o seu álbum de debut, 'Carta aberta' (Raso estudio, 2022), co que conseguiu ser seleccionada pola plataforma dixital Spotify como embaixadora da música española na lista EQUAL, que recolle o talento feminino feito en distintos países do mundo. Con estes antecedentes e un bo numero de actuacións desde entón, saca agora un novo traballo, 'Anfibia por veces' (Raso estudio, 2026), producido por ela mesma xunto a Hevi. Neste novo traballo Muíño combina sensibilidade e eclecticismo. Mantendo a canción como eixo central, o disco abre o abano estilístico e sonoro xa amplo da cantautora sen perder coherencia. A xira de presentación de Anfibia por veces terá a súa primeira parada galega o vindeiro 5 de marzo no teatro Principal de Santiago de Compostela.

 

Neste segundo traballo, Antía Muíño aposta por unha maneira líquida de entender a canción sen etiquetas pechadas. O disco móvese con naturalidade entre estilos, incorpora novas texturas na produción e explora diferentes camiños sonoros, afastándose de fórmulas previsibles. O resultado é un álbum variado e coidado que a consolida como unha das compositoras máis destacables da súa xeración. O repertorio percorre diferentes rexistros: desde unha indietrónica con ecos jazz en Amodinho, pasando por un neofolk galego en Augha Desa Fonte, referencias á chacarera en Eu Canto, ambientes de inspiración sinfónica en Umbral, presenza de sección de ventos en Amor Fugaz, un ton máis lixeiro en Anfibia Por Veces, ata cancións máis espidas como Mientras Sueño y Vivo ou Cien Olivos, e momentos de maior intensidade como A Beleza ou FiGA. Esta variedade define un álbum rico en matices e con identidade propia. O disco conta coa colaboración de artistas galegas como as pandereteiras Lilaina —compañeiras tamén nos directos de Baiuca—, a chelista Margarida Mariño e a brass band Brassica Rapa, coa que xa colaborara anteriormente no tema Oliveira ardendo

raso. · Antía Muíño - Anfibia Por Veces
Que che parece esta nova?
145 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Antía Muíño, Hevi, Teatro, Teatro Principal de Santiago de Compostela...