Retiran un barco abandonado da Ría de Betanzos para o rehabilitar

O Concello de Betanzos e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas desenvolven un proxecto piloto para valorizar estes restos

O barco recuperado da Ría de Betanzos. Fonte: Concello de Betanzos
O barco recuperado da Ría de Betanzos. Fonte: Concello de Betanzos
Transformar os restos dun barco situado na Ría de Betanzos nun espazo de xogo para crianzas. Este é o proxecto piloto que queren desenvolver o Concello de Betanzos e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas no marco dun programa para valorizar os preto de 36 restos de embarcacións que se localizaron nesta zona. Neste caso seleccionouse o resto que se consideraba en mellores condicións para o recuperar.

As entidades retiraron da ría os restos da embarcación, localizada ao pé da autoestrada AP-9, e trasladáronos a Betanzos, onde se vai elaborar a documentación para tramitalos como residuos por organismos xestores autorizados e estudar a viabilidade da súa recuperación. Logo deste proceso, de ser posible a actuación, o Concello contactará con outras organizacións para abordar a restauración.

O proxecto pretende converter os restos nun "barco pantasma", como xogo infantil con información para sensibilizar dun xeito lúdico a sociedade, e especialmente a xuventude, sobre a problemática de abandonar antigos barcos na ría. A localización da embarcación foi posible a raíz dun estudo realizado pola Reserva da Biosfera na ría de Betanzos, en colaboración coa Fundación Juana de Vega.

A iniciativa piloto pretende servir de exemplo para dar unha nova vida a refugallos situados en contornas naturais para mellorar o estado medioambiental de espazos degradados na ría e abordar a problemática do abandono de residuos neste espazo natural protexido ao tempo que concienciar a sociedade desta problemática.