A Deputación de Pontevedra acolle unha exposición sobre o gaiteiro Ricardo Portela

Amosa o importante legado deste referente da música tradicional

Amosa o importante legado deste referente da música tradicional
Ricardo Portela
A Deputación de Pontevedra abre ao público este mércores 5 de novembro ás 19:00 horas a exposición 'Ricardo Portela, inmorrente', comisariada polo tamén gaiteiro Óscar Ibáñez. A mostra é unha homenaxe a este gaiteiro referente na música tradicional, imprescindible na conexión da tradición dos vellos gaiteiros coas novas xeracións, e estará dispoñible ata o 21 de novembro no vestíbulo do Pazo provincial. Composta por oito paneis e varias vitrinas con material discográfico e persoal, así como instrumentos e vestiario de Portela, a exposición amosa a súa traxectoria vital ligada a Viascón, Vigo e Pontevedra. Ademais, a mostra tamén abrangue o seu desenvolvemento artístico e os seus traballos discográficos, así como a relación que mantivo con asociacións e entidades.

Ricardo Portela (Viascón, 1920 -1992) é unha figura clave da gaita, á cal el mesmo cualificou como un "instrumento inmorrente". Símbolo do gaiteiro tradicional, Portela foi un grande intérprete que creou escola con moitos dos recursos do seu persoal estilo, que permanecen vivos no xeito de tocar dalgúns dos gaiteiros máis recoñecidos na actualidade. Mestre de mestres, representa tamén a gran responsabilidade cultural de ser gaiteiro, máis aló da súa extraordinaria sensibilidade musical e o seu persoal estilo interpretativo. Cada ano celébrase en Pontevedra o 'Memorial Ricardo Portela' que xa leva 26 edicións, unha xuntaza organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos que sirve de homenaxe a este mestre. No ano 2020 o Consello da Cultura Galega dedicoulle unha homenaxe que deu na publicación dun libro e a produción dun documental sobre o legado do gaiteiro. Ambos traballos están dispoñibles no sitio web do CCG.