Adíase a 2021 a celebración do Ano Ricardo Portela e todo o seu programa

O Concello de Cerdedo-Cotobade quere que a homenaxe estea á altura do que merece a memoria do gaiteiro

RICARDO PORTELA
RICARDO PORTELA
A certeza de que as restricións actuais impedirían celebrar o Ano Ricardo Portela coa difusión e alcance que tal fito se merece levou ao Concello de Cerdedo-Cotobade a decidir aprazar as celebracións polo centenario do nacemento do gaiteiro ao vindeiro 2021. A decisión foi comunicada onte por Jorge Cubela, alcalde da localidade pontevedresa de orixe do desaparecido músico Ricardo Portela (Viascón, 1920 - Pontevedra, 1992) , mestre de gaiteiros. O consistorio pretende que estea homenaxe o gaiteiro de Viascón chegue a toda Galicia desde a súa localidade como referente da música tradicional galega que Portela era, e para iso a situación sanitaria actual non é a máis axeitada, entende o alcalde. Así todas as actividades previstas arredor da figura de Ricardo Portela, incluíndo a súa designación como Fillo Predilecto de Cerdedo-Cotobade terán que agardar, xunto co resto do programa ata o 2021 agardando que se dean así as mellores condicións para acadar coa celebración o alcance e recoñecemento que a figura do gaiteiro merece. Esta homenaxe polo centenario do nacemento do importante mestre gaiteiro decidiuse por unanimidade do pleno municipal e contará coa colaboración de numeroas asociacións culturais locais así como da veciñanza en xeral, polo fondo recoñecemento que hai á memoria do gaiteiro.