O castro menos castro

A nova intervención en Penas do Castelo desvela unha estrutura inédita na Idade do Ferro galega

A nova intervención en Penas do Castelo desvela unha estrutura inédita na Idade do Ferro galega
Entrada ao castro de Penas do Castelo. Foto: Árbore Arqueoloxía
O xacemento de Penas do Castelo, na parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón) leva na actualidade desde hai uns anos pola dificultade do seu emprazamento sobre o río Lor e a espectacularidade e antigüidade do seu sistema defensivo, moi anterior ao que é habitual nos castros. Pero a nova campaña de intervención engade unha nova incógnita ao xacemento. No interior apareceu unha estrutura atípica no contexto da Idade do Ferro galega, que os arqueólogos confían en ir aclarando en vindeiras intervencións. A intervención está financiada pola Consellería de Cultura e Xuventude da Xunta co apoio da comunidade de montes de Salcedo e o concello da Pobra do Brollón.

Durante a entrevista, a Benito Vilas, o arqueólogo de Árbore Arqueoloxía que dirixe as campañas arqueolóxicas no xacemento de Penas do Castelo (Salcedo, A Pobra de Brollón), cústalle definir o que vai contar. "Mellor que o vexas por ti mesmo e logo falamos", explica, mentres envía por whatsapp unhas primeiras imaxes da campaña deste ano. Aínda que en anteriores campañas os arqueólogos estiveran enfocados na recuperación da muralla e as súas estruturas auxiliares, unha pequena sondaxe no interior na que apareceran algúns materiais e restos de palla-barro, un material construtivo habitual nos castros do interior de Galicia, animaran a ampliar aquela cata. Ata o momento, nas anteriores campañas, o castro ofrecera unha arquitectura monumental pero ningún outro obxecto ou anaco de cerámica que axudara a comprender a vida no lugar. "Iso xa é moi raro", explica Vilas, "é normal que te atopes materiais aínda que non esteas directamente sobre as vivendas". As tres datacións obtidas na muralla, situando a súa construción no século IX a.C., convertía o xacemento nun dos castros máis antigos de Galicia. Todo sumaba nunha interpretación atípica do espazo.


Estrutura exhumada na campaña deste ano nas Penas do Castelo. Foto: Árbore Arqueoloxía

"Ao ampliarmos uns 25 metros cadrados foi onde aparece a sorpresa", explica. Ao ver a foto obsérvase unha sucesión de soportes de pedra que fan pensar inmediatamente nos hórreos que nos últimos anos están a aparecer en xacementos do interior de Galicia como Arxeriz (O Saviñao), no castro da Acea (Baños de Molgas) ou na Saceda (Cualedro). Aínda que o edificio parecía estar sustentado ou empregar eses podios, estaba construído en palla-barro. Este material, formado a partir da mestura de barro cunha estrutura en madeira, é de uso habitual no interior de Galicia na Idade do Ferro, pero tamén moi frecuente no resto da península e na Europa continental e atlántica da Idade do Ferro. Polo que viron os arqueólogos, o edificio colapsara cunha serie de materiais dentro. Eses materiais eran seis cacharros cerámicos ben conservados que nalgúns casos tiñan concentracións de cereais carbonizados. "Poden ser trigo ou espelta. Son dúas variedades que non son fáciles de distinguir a primeira vista", explica, "e precisaremos o uso de microscopios para distinguilos". Nun dos casos, hai unha ola con máis de 150 fragmentos cerámicos de gran delicadeza decorativa. "Os especialistas fálannos de que é cerámica da segunda Idade do Ferro, así que nos pode estar a falar do final deste xacemento". En breve os investigadores enviarán tamén a datar a madeira da porta da propia muralla, que apareceu na campaña anterior carbonizada e sometida a un incendio de altas temperaturas. Agora xa saben, por certo, que a porta era de carballo.


Borde de gran vasixa da Idade do Ferro. Foto: Árbore Arqueoloxía


Anacos de cereal pegados aos bordes da cerámica. Foto: Árbore Arqueoloxía


Á vista do relatado, parecería que o edificio é algún tipo de almacén de gran que empregaba eses podios para estar separado do solo e illar da humidade. "Pero non. Non pode ser un hórreo", explica Benito Vilas intrigado, "no centro apareceunos un montón de pallabarro vitrificado, que non se consegue de xeito natural, só con temperaturas moi elevadas. E alí tamén unha chea de escouras de ferro que xa estaban no interior do edificio cando este caeu. "Non podes ter un hórreo cun forno de metais no medio!", explica o arqueólogo, mentres resalta que non coñece paralelos dunha circunstancia tan curiosa coma esta. "Hai algún xacemento no que pode haber algún forno metalúrxico e se cadra edificacións anexas nas que pode haber almacenamento de gran, pero non é este caso. Aparece todo moi próximo", explica. "Tampouco é habitacional. Ten algunha función vinculada á metalurxia, pero non sabemos exactamente cal é", afirma.

A intervención arqueolóxica tamén permitiu descartar que os socalcos que parecen ter existido no interior como un xeito de compensar o pronunciado desnivel do xacemento, "non parecen ter sido para acoller cabanos, porque son demasiado estreitos", sinala. "Desde logo, Penas do Castelo é o castro menos castro que hai. Xa se fan metal dentro dun hórreo!", conclúe aínda sorprendido Benito Vilas.