A XXXI Semana de Cine Submarino ofrecerá documentais de autor

Comeza este martes cun audiovisual da Confraría de Pescadores de Vigo

Comeza este martes cun audiovisual da Confraría de Pescadores de Vigo
A XXXIª Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, arranca este martes e achegará durante tres días ao público asistente destacadas producións audiovisuais, tanto locais, como internacionais, ás que seguirá cada unha das xornadas un debate no que participarán realizadores, persoal investigador e divulgadores mariños. A programación comprende seis documentais e unha conferencia nunha edición na que o fío condutor serán os documentais de autor españois. Ao longo das tres xornadas proxectaranse varios traballos con selo español, xunto con algún convidado internacional, cos que as e os espectadores percorreran dende os fondos da ría de Vigo, ata o río Douro, pasando polo mar de Sudán ou a fosa das Marianas en Java. A Semana ofrecerá durante a primeira xornada os audiovisuais "Mar limpo, mar vivo", da Confraría de Pescadores de Vigo; "One breathe around the world", protagonizado por Guillaume Néry, campión do mundo en apnea, e "Durienses: los endemismos del Douro", a proposta de augas doces da Semana na que o biólogo Carlos Rodríguez analiza durante tres anos de observación as especies na conca do Douro.

O ciclo, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, serve como faro anual para a concienciación e a preservación dos nosos mares, así como para alcanzar o obxectivo 14 da Axenda 2030, de conservar os océanos, os mares e os recursos mariños de xeito sostible. Na primeira da peza, "Mar limpo, mar vivo", detállanse os traballos de retirada de residuos enmarcados no Plan Mar Limpo da Consellería do Mar, por parte da Confraría de Pescadores de Vigo. Logo de dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia, as proxección matinais dedicadas ao alumnado de centros escolares regresarán á Semana de Cine Submarino e así sucederanse no teatro Afundación de Vigo as proxeccións de producións locais e internacionais, entre as 10 e as 12.00 horas para escolares e a partir das 20.00 horas para o público en xeral.