
Para inaugurar a 53 edición de Curtas Festival do Imaxinario seleccionouse un filme pioneiro do cinema silente, que explora temas como o trasplante de órganos, a tolemia e a obsesión. 'As mans de Orlac', un filme que destaca pola súa calidade expresionista que é unha das precursoras do cinema de terror moderno e que foi dirixida en 1925 por Robert Wiene e interpretado por Conrad Veidt. Ademais, para musicar a historia deste famoso pianista que perde as súas mans nun accidente e recibe as mans dun asasino condenado a morte, contarase en directo co pianista Jorge Gil Zulueta, doutor en musicoloxía, pianista e compositor especializado en acompañar filmes silentes, que colabora habitualmente coa Filmoteca española no seu cinema Doré de Madrid, ou a Filmoteca de Cataluña.
A programación articúlase arredor da sección oficial Arrepíos, con 33 títulos de terror e suspense, e complétase con Feito en Galicia (con obras de creación galega), Novos Horizontes (dedicada a novas formas de narrativa e experimentais) e Outras Realidades (sobre contextos máis afastados). Entre os títulos destacados do panorama de Galicia figuran 'Áncora', de Miguel R. Berride, 'Boca de Asno', de Carlos Calvar, 'Gralla', de Rebeca Tella e Daniel Filloy, 'Hippocampus', de Xaime Miranda, 'Mocos Verdes', de Roberto Cid, 'Nai', de Tito Refoxo ou 'Nas Ondas do Tempo', de Adrián Porima, xunto a pezas como 'O Corpiño', de Antía Rodeiro e Blanca Navarrete, 'O Interrogatorio', de José Ignacio Rodríguez Varela, 'O Porco', de Hugo R. Morgado, 'Orzán', de Omar Rabuñal Varela, 'Os Retornados', de Rocío Diz, 'Santa Compaña', de Mateo Bouzada e 'Senda Estrela', de Eva Vaeli e Manu Sacoga. En Curtas Festival do Imaxinario están previstas 13 estreas, entre as que destacan 'Camping Coyote', de Chico Morera; 'Unprovidence', de Victor Marín; 'Tap Tap', de Fernando Camacho; 'Update', de Luca Violante; 'Kin Akhten', de Reza Mirzaei, e 'Echo', de Victoria Catherine Long. A selección complétase con catro estreas internacionais, seis europeas, 23 en España.
Premios honoríficos
Curtas Festival do Imaxinario reparte nesta edición varios premios honoríficos comezando polo outorgado a Paco Plaza, director de grandes éxitos do cinema de terror español recente como '[Rec]', 'Quien a Hierro Mata' ou 'La Abuela'. O cineasta visitará a 53 edición do Festival para recibir o premio Mestre do Fantástico pola súa inestimable contribución ao xénero. Marcus Nispel, o director alemán tras as novas versións de 'A Matanza de Texas' ou 'Venres 13', entre outras, recibirá o tamén o premio Mestre do Fantástico. Xunto a el, a actriz protagonista de 'Braindead, a túa nai comeuse ao meu can' Diana Peñalver recibirá o premio Icona do fantástico. Tamén recibirá premio o técnico de efectos especiais Arturo Balseiro pola súa contribución ao xénero co seu traballo en títulos como 'Extinction', 'Lobos de Arga', 'Cold Skin'. O ilustrador salmantino Tomás Hijo recibirá tamén o premio Curtas 2025 ao mesmo tempo que se inaugura a exposición 'As Raias do Dragón' coa súa obra gráfica en homenaxe aos libros e as películas que lle emocionaron desde sempre. Nesta mostra do seu traballo atopará desde os mundos de J.R.R. Tolkien a Guillermo del Toro. Tamén visitarán o festival os artistas Salvador Larroca (X.Men, Star Wars, Alien), Aneke (Bylines In Blood), ou Xermánico (Arrow , Injustice: God Among Us, Vampire Diaries) entre outros.
Exposicións e clausura inmersiva
Creada para fans e amantes dos cómics e películas de Marvel, a primeira das exposicións do festival ofrece unha experiencia única. 'INFINITY HEROES SHOWROOM' presenta unha selección de figuras a tamaño real, réplicas de cascos e outros artefactos, dioramas e estatuas de calidade museística cos máis destacados heroes do universo Marvel. Thor, Iron Man, Spiderman, Lobezno, Daredevil, ou o Capitán América agardarán aos fans na sala Rivas Briones de Vilagarcía de Arousa do 3 de outubro ao 16 de novembro. O programa complétase con actividades paralelas para públicos novos e familias e, no apartado expositivo, a Sala Rivas Briones acollerá as mostras Santipérez: unha vida debuxando pesadelos, con obra de Santiago Pérez Domínguez, e As Raias do Dragón, con pezas gráficas de Tomás Hijo. As dúas permanecerán abertas ata o 16 de novembro, reforzando a conexión do festival co cómic, a ilustración e a cultura visual.
A clausura de Curtas Festival do Imaxinario o 2 de novembro será moi especial e contará coa estrea dunha producción de Curtas Festival do Imaxinario e a Orquestra Clásica de Vigo titulada 'A NOITE DOS MORTOS AO VIVO'. Será a proxección da película clásica A noite dos mortos viventes (1968) de George A. Romero que chega agora cunha interpretación completamente nova e envolvente. Mentres a película se proxecta na pantalla, a Orquesta Clásica de Vigo executará en directo unha banda sonora especialmente seleccionada para a ocasión, substituíndo a música orixinal por arranxos que intensifican cada momento de tensión, medo e drama. Paralelamente, un equipo de actores e actrices de voz interpretará os diálogos en galego utilizando un guión creado especificamente para este espectáculo, ofrecendo así unha nova dimensión narrativa que respecta o espírito da obra orixinal pero cun enfoque fresco e culturalmente próximo ao público galego.