A resistencia cultural dos Estudios Abertos en Ourense

Por segundo ano será posible visitar os espazos de creación artística da cidade e da provincia

Por segundo ano será posible visitar os espazos de creación artística da cidade e da provincia
Foto do taller de Xosé Cid
Máis de 30 artistas amosarán o seu lugar de traballo e o seu proceso creativo na segunda edición dos Estudios Abertos en Ourense. Durante tres días, entre este venres, 24 de outubro e o domingo 26 poderán visitarse 19 espazos de creación artística da cidade e da provincia (Bande, Xunqueira de Espadanedo, Taboadela, Allariz) grazas a este evento organizado por A Maquinadora. Esta segunda edición de Estudios Abertos preséntase como un acto de resistencia. As visitas a cada espazo están programadas por días e horas e poden reservarse a través da páxina web.

"A creación artística, malia as forzas que a queren marxinal, está sempre presente. En contextos periféricos e precarios como o de Ourense, abrir as portas da arte convértese nun xesto político: unha aposta polo valor do que vai máis alá do monetario pero que sostén a nosa vida colectiva", reza na súa web de presentación. Os 19 espazos que será posible visitar configuran un mosaico de prácticas que van do amateurismo ao profesional, de artistas referenciais da arte galega a creadoras emerxentes con proxección internacional, de obradoiros comunitarios a espazos íntimos de creación. Así será posible acceder aos obradoiros de xente como Mon Devane, Xosé Cid, Manuel Buciños, Natasha Lelenco, ou os colectivos Dodo Dadá, O cabalo fosforito, Frenética Lab ou Expoplanetarium, entre outros.