A feira de arte VARCO de Vigo celebra unha segunda edición

Reunirá trinta artistas entre nacionais e lusos

O Auditorio Mar de Vigo acolle desde este venres 28 e ata o domingo 30 de novembro 'VARCO 25, Vigo Arte Contemporánea e noroeste atlántico'. Na presentación desta segunda edición no Concello de Vigo estiveron presentes, ademais do alcalde, Abel Caballero, Eva Tarrío, a comisaria; María Torres, comisaria; Isabel Alonso, escultora viguesa; e Diana Cordero, artista. VARCO25 será un lugar de encontro para a creación artística que ofrece unha revisión da arte contemporánea galega e unha oportunidade para aumentar a oferta cultural da cidade. A feira preséntase coma un punto de encontro para a creación artística, un reflexo da riqueza e o diálogo interdisciplinar que caracteriza á arte actual e que se forxou ao longo das últimas dúas décadas. VARCO supón unha revisión da arte contemporánea galega, que suma como novidade enriquecedora a participación de artistas do norte de Portugal.

Eva Tarrío, comisaria de VARCO25, puxo en valor a continuidade do proxecto e a presenza maioritaria da arte feminina, que converte o encontro nun espazo de visibilidade e de aproximación aos artistas e á súa obra podendo adquirir algunhas das súas pezas. VARCO presentará obras que van desde a pintura, escultura, gravado, fotografía, instalacións e outros formatos, evidenciando a versatilidade e a adaptabilidade da arte actual. A principal novidade é a participación de 5 artistas do norte de Portugal, coa presenza en total de 30 participantes, entre traxectorias veteranas e emerxentes. A outra novidade é a entrega dos Premios Adquisición VARCO25, polo que varias empresas acordarán a adquisición de obra dun artista. As persoas visitantes poderán coñecer a todos os artistas durante a fin de semana, haberá sesión mediodía con música en directo, tanto o sábado como o domingo ás 12:30 horas, ademais desenvolveranse talleres de pintura e todo con entrada libre.