O Teatro Principal de Compostela acolle a nova edición de LGx15

O encontro de ideas para o futuro da lingua celébrase este 25 de outubro

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:
O Teatro Principal de Compostela acolle a nova edición de LGx15

O encontro LGx15. Ideas para o futuro da lingua chega á súa undécima edición o vindeiro 25 de outubro cunha sesión que se celebra ás 18:30 horas o Teatro Principal de Santiago de Compostela. Carlos Callón, Mariña Lema, Miguel López del Pueyo, María Maroño, Fátima Pego e Artur Trillo correrán coas intervencións desta xeira, que contará coa presentación e unha actuación de Cintaadhesiva.

A iniciativa coordinada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua pretende "difundir ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua". Nesta ocasión, Carlos Callón realizará a intervención "Sempre hai unha primeira vez", mentres María Maroño falará sobre a súa experiencia como galegofalante nas aulas de Compostela. O rioxano Miguel López del Pueyo reflexionará sobre o uso do galego na práctica médica e a importancia da comunicación cos pacientes.

Mariña Lema presentará o proxecto Vitamina G, que emprega a lingua galega como factor de integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de nenos e nenas de orixe migrante. Artur Trillo centrará a súa intervención "Vernáculo" na importancia de manter os nomes na nosa lingua e Fátima Pego presentará "un percorrido persoal e emotivo" sobre como o galego influíu na súa vida.

A actividade, que xa ten á venda as entradas, conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, o Concello de Santiago de Compostela, Deleite e a Fundación Galicia Sustentable.

Que che parece esta nova?
146 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito