O LGx15 celebra dez anos en Compostela

O encontro de ideas para o futuro da lingua celébrase o vindeiro 26 de outubro

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:
O LGx15 celebra dez anos en Compostela

O Teatro Principal de Compostela acolle o vindeiro 26 de outubro a décima xeira de LGx15. O encontro de ideas para o futuro da lingua que organiza a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística reúne unha vez máis, intervencións dun máximo de 15 minutos, "nas cales se transmitirán de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma".

Nesta xeira, participarán no encontro o mestre e dinamizador cultural Bernardo Penabade, quen falará desde a súa experiencia sobre a idea da estabilidade lingüística e a necesidade de mantermos o galego con as persoas de fóra. A actriz, narradora e dramaturga Sole Felloza "vén cambiar a perspectiva dos agradecementos na súa relación coa nosa lingua mediante a intervención titulada Onde cabe unha lingua caben dúas".

O guía de montaña José Manuel Menéndez, pola súa banda, tratará a relación entre as linguas e o medio natural, mentres as integrantes da produtora audiovisual Illa Bufarda explicarán as súas experiencias e filosofía de traballo en relación co idioma en Fauna, flora e lingua. Finalmente, o xornalista musical Rodri Míguez abordará a cuestión Onde está o teito da música en galego? e fará propostas para mellorar o seu coñecemento e consumo.

A educadora e narradora María da Pontragha conducirá a gala, que contará tamén cunha actuación de hip hop a cargo de Nadie González. A iniciativa conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, o Concello de Santiago de Compostela, e Deleite e a Fundación Galicia Sustentable.

Que che parece esta nova?
76 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Normalización Lingüística, Rodri Míguez, Filosofía...