Novas | 431 a 440 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

17/10/2022
O ciclo 'Cinema Mulleres' conectará Galicia con Arxentina

O Museo de Arte Contemporáneo de Vigo volverá a acoller desde o 28 de outubro e ata o 24 de novembro a segunda edición de "Cinema Mulleres", iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e o Consulado da Arxentina para reivindicar e visibilizar o papel da muller na produción audiovisual nos dous lados do Atlántico. Este segundo ciclo de cinema feminista volve aínda con máis forza, xa que aumenta os días de proxeccións que, amais, dan o salto cruzando o charco ata Arxentina, para chegar ao Centro Cultural 25 de Mayo en Bos Aires. Cinema Mulleres ofrecerá este ano a proxección de ata sete curtas e longametraxes asinados por mulleres galegas e arxentinas, que serán abertas ao público. Son a longametraxe galega "Onde máis doe" e a curta arxentina "La cuarta ola", que se proxectarán no MARCO o 8 de novembro; a longametraxe arxentina "Las motitos" e a curta galega ""Benvidas ao club" o 17 de novembro; e finalizará en Arxentina o 24 de novembro no Centro Cultural 25 de Mayo de Bos Aires coa proxección das curtas galegas "Feminazi" e "As mulleres salvaxes", e da longametraxe, tamén galega, "A poeta analfabeta".. Amplía a nova>>

14/10/2022
AMAL cumpre vinte anos amosando en Galicia a cultura árabe

Vinte anos leva a Semana de Cinema Euroárabe AMAL construíndo unha ligazón especial entre a cultura árabe e a galega. Entre os días 24 e 29 de outubro no Teatro Principal de Santiago terá lugar a realización desa vixésima edición que traerá de novo mostras da expresión audiovisual das terras do oriente próximoe as súas sensibilidades e problemáticas, neste caso con cinco proxeccións, tres películas de ficción e dúas documentais, que se poderán ver en pases únicos por día. A primeira sesión de cinema de AMAL 2022 será o martes 25, coa longametraxe de ficción "1982"; o mércores 26 o documental "The Captains of Zaatari"; o xoves 27 a película "Farha"; o venres 28 o documental "Mayor"; e o sábado 29 a ficción "You resemble me". . Amplía a nova>>

10/10/2022
Nerea Barros triunfa no XIX Curtocircuíto coa súa estrea na dirección

A actriz santiaguesa gañadora dun Premio Goya, produtora e tamén realizadora Nerea Barros ven de obter un duplo éxito na propia casa con 'Memoria' a curtametraxe documental coa que se estrea no traballo de dirección. O festival Curtocircuíto, no palmarés da 19ª edición que ven de rematar tras 9 días de proxeccións, recoñece o seu traballo co Premio Galiza ó mellor filme galego do certame e ademais co Premio CREA á Mellor dirección galega. O xurado da sección Planeta GZ, de curtametraxes galegas, tamén tivo unha mención especial para a peza 'Elefante', de Alberte Pagán. No relativo a audiovisuais galegos compre mencionar tamén o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Santiago Turismo e Santiago de Compostela Film Commission, que foi para 'Ollada noutra Compostela', de Nerea Losada, Eira Losada, Sabela Vilas e Diana Iglesias.. Amplía a nova>>

07/10/2022
A Xunta reedita os Bonos Cultura

O Consello da Xunta informou favorablemente da posta en marcha este outono dunha nova edición do Bono Cultura, o programa de descontos na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais. A nova edición deste programa contará cun orzamento dun millón de euros e emitirá 20.000 bonos con descontos do 50% nos servizos ou produtos das empresas que se adhiran á campaña autonómica. As cifras son menores que as da campaña anterior, que chegou aos 1.950.000 euros e emitiu ata 39.000 bonos de 50 euros cada un. O s obxectivos tampouco son os mesmos, segundo asegurou o titualr do goberno autonómico, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello: “Se na primeira edición o obxectivo foi volver a reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora cómpre botar unha man ao sector e os consumidores nesta nova crise de suba de prezos”, indicou Rueda. . Amplía a nova>>

06/10/2022
O IV LAV.mov enche Vedra de creatividade audiovisual

A Asociación Senunpeso convocou para os días 7, 8 e 9 de outubro a cuarta edición do Lav.mov, o encontro de formación audiovisual de Vedra. O espazo cultural da estación do Tren de Santa Cruz de Ribadulla acolle as actividades da iniciativa, que oferta dous obradoiros para profesionais do sector.. Amplía a nova>>

03/10/2022
'A mazá de ouro' de Jaime Chávarri gaña o Premio Xacobeo do OUFF

O Festival de Cine de Ourense (OUFF) clausurou esta 27ª edición entregando os premios da sección oficial e o resto do palmarés competitivo e dando a coñecer os Premios Xacobeo e Premio do Público. "A mazá de ouro", filme co que o realizador Jaime Chávarri volveu á dirección de cine tras case dúas décadas de ausencia, foi o designado para recibir o Premio Xacobeo á mellor produción galega. O filme puido verse nun pase especial no mesmo día da gala de peche. Pola súa banda o público do OUFF decantouse tamén por unha produción galega para outorgarlle o seu recoñecemento, neste caso polo novo filme de Ángel de la Curz, 'O home e o can', que se estreou no certame ourensán.. Amplía a nova>>

03/10/2022
Os premios Mulleres no Foco recoñeceron a Lucía Catoira, Paula Cons e Chelo Loureiro

A segunda edición dos premios Mulleres no Foco, que organizan a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas (CIMA), celebrou este 30 de setembro a súa gala na capital do Lérez. Chelo Loureiro, gañadora de dous premios Goya e activista polo recoñecemento das mulleres no audiovisual levo un dos galardóns. Outro recoñecemento foi para "o traballo infatigable e o talento"de Paula Cons, xornalista, documentalista e directora e o terceiro recibiuno a directora de fotografía Lucía Catoira pola súa "mirada comprometida desde a cámara".. Amplía a nova>>

30/09/2022
A longametraxe luso-francesa "Restos do vento" gaña a Calpurnia do 27º OUFF

A 27ª edición do do Festival de Cine Internacional de Ourense xa ten palmares de competición oficial con ata dez galardóns e dúas mencións especiais, a falta de coñecerse o Premio do Público e o Premio Xacobeo á mellor producción galega do certame, que se desvelarán hoxe na propia gala de entrega de galardóns no Auditorio Municipal. A decisión do xurado de longametraxes encabezado polo director santiagués Alfonso Zarauza foi outorgar o premio Calpurnia á mellor película para "Restos do vento" (Portugal/Francia), de Tiago Guedes. Na sección de curtametraxes, OUFF en Curto, os premios ás mellores pelíuclas de ficción e documental foron para dous producións de realizadores galegos. O vigués Guillermo Oliveira, por 'Sauerdogs', no apartado ficción e 'O que queda' de Alejandro Rodríguez na competición Documental.. Amplía a nova>>

30/09/2022
O Museo de Pontevedra celebra un simposio sobre Carlos Velo

Os vindeiros 4 e 5 de outubro o Museo de Pontevedra acolle o simposio O cine de Carlos Velo, León Felipe e os poetas do exilio republicano en México. O encontro, promovido polo Museo e a Fundación Carlos Velo, desenvolverá dúas xornadas de conferencias, proxeccións audiovisuais e un recital poético "para achegarse á figura do cineasta galego e a súa relación coas republicanas e republicanos que -como el- estiveron no exilio no país centroamericano".. Amplía a nova>>

28/09/2022
A 44ª Semana de Cine de Lugo reparte os seus premios oficiais

A Semana de Cine de Lugo pechou a súa 44ª edición presentando o seu palmarés, onde fai destacar a opción do público asistente na Sección oficial, que se decantou coas súas puntuacións pola longametraxe francesa 'Mentes maravillosas', de Bernard Campan e Alexandre Jollien. Ademais diso, entre público e xurado concederon outros cinco premios. É de destacar tamén que o premio á mellor película galega desta edición do certame fixo coincidir a público e xurado, resultando a longametraxe 'Julia' (2020) de Jacobo Lagüela Castro a premiada por ambos. A película fala sobre a extinción e abandono do rural a través dos ollos da súa protagonista, unha avoa de 87 anos de idade coa esperanza de salvar as súas raíces e de comunicar a importancia das mesmas ás xeracións que están por vir.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org