A longametraxe luso-francesa "Restos do vento" gaña a Calpurnia do 27º OUFF

Guillermo Oliveira con 'Sauerdogs' e Alejandro Rodríguez con 'O que queda' gañan os premios de curtametraxes

Guillermo Oliveira con 'Sauerdogs' e Alejandro Rodríguez con 'O que queda' gañan os premios de curtametraxes
Fotograma de 'Restos do vento'
A 27ª edición do do Festival de Cine Internacional de Ourense xa ten palmares de competición oficial con ata dez galardóns e dúas mencións especiais, a falta de coñecerse o Premio do Público e o Premio Xacobeo á mellor producción galega do certame, que se desvelarán hoxe na propia gala de entrega de galardóns no Auditorio Municipal. A decisión do xurado de longametraxes encabezado polo director santiagués Alfonso Zarauza foi outorgar o premio Calpurnia á mellor película para "Restos do vento" (Portugal/Francia), de Tiago Guedes. Na sección de curtametraxes, OUFF en Curto, os premios ás mellores pelíuclas de ficción e documental foron para dous producións de realizadores galegos. O vigués Guillermo Oliveira, por 'Sauerdogs', no apartado ficción e 'O que queda' de Alejandro Rodríguez na competición Documental.




Ademais destes premios, o palmarés da sección oficial de longametraxes xa dado a coñecer inclúe o Premio Carlos Velo á Mellor Dirección para Radivoje Andric por "How I learned to fly" (Serbia/Croacia/Bulgaria/Eslovenia); o Premio Especial do Xurado para 'El agua' (España/Suiza/Francia), de Elena López Riera; o Premio ao Mellor Guion para Jean-Pierre e Luc Dardenne por 'Tori et Lokita' (Bélgica/Francia), dirixida por eles mesmos e o Premio á Mellor Interpretación para Arawinda Kirana por Yuni (Indonesia/Francia/Australia/Singapur), de Kamila Andini. Na sección de curtametraxes o xurado tamén deixou dúas mencións especiais, unha na categoría Curtametraxe de Ficción para a cinta "Así vendrá la noche"dirixida polo marinense Ángel Santos e outra na categoría documental para "Anatomía dunha serea" dirixida por Adriana Páramo.



Fóra das seccións oficiais, o OUFF outorga outros premios concedidos por entidades colaboradoras e con xurados diferentes, como o Premio CIMA outorgado pola Asociación de Mulleres Realizadoras e Medios Audiovisuais (CIMA) á mellor profesional das películas de Sección Oficial. Nesta edición, o xurado formado por Marta Villar e Xudit Casas decidiu que fose, para Gisela G. Ramos, directora e guionista de ' Perfume de gardenias'. Desde a AISGE tamén dan dous recoñecementos no eido da interpretación dentro das películas presentadas ao certame ourensán e que, nesta ocasión recaen en intérpretes de producións galegas. Desde xeito, o Premio AISGE ao Mellor Actor é para Sergio Baleirón polo seu traballo interpretativo en 'Rompente', de Eloy Domínguez e o mesmo galardón na versión feminina como Mellor Actriz é para Violeta Gil por "Así vendrá la noche", de Ángel Santos.