Novas | 231 a 240 de 4079

<< Anterior Siguiente >>

23/03/2023
AGADIC convoca as axudas á produción de proxectos audiovisuais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que establece as bases e abre unha nova convocatoria para axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos. Neste ano esta liña mantén o orzamento das tres convocatorias anuais anteriores, cun total de 2.500.000 euros. O pasado 2022 foron un total de once longametraxes, unha serie documental e dúas curtametraxes as que recibiron o apoio da Administración autonómica na convocatoria. Estas subvencións buscan ter un carácter incentivador, polo cal as solicitudes deben presentarse antes do comezo do proxecto, segundo reza nas bases hoxe publicadas.. Amplía a nova>>

23/03/2023
O Carballo Interplay mira cara atrás no seu décimo aniversario

O Carballo Interplay celebra o seu décimo aniversario facendo unha análise exhaustiva do pasado, presente e futuro de internet. O evento de referencia sobre creación de contidos dixitais ven de presentar o seu programa completo, ao que pode xa accederse na súa web. O Xº Festival de Contidos Dixitais ofrecerá, do 29 de marzo ao 1 de abril, unha coidada selección das voces máis potentes da cultura, o activismo e o humor da Internet estatal. Por tratarse desta décima edición, a gala final de entrega de premios do Certame de series e o Concurso de proxectos de serie web en galego gala será especialmente importante. O sábado 1 de abril, Sandra Lesta e Xúlio Abonjo presentarán "Calquera tempo pasado foi anterior", un repaso polos momentos máis estelares da historia do festival, coa participación de múltiples amizades que xa forman parte da historia do Carballo Interplay, amenizado con música do Dj Ninguén de ningures.. Amplía a nova>>

21/03/2023
A 18ª MICE repartiu o seu palmarés

Co final da 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico promovida polo Museo do Pobo Galego chegou o palmarés que recoñece os mellores filmes por categorías. O filme "Al otro lado del mar", unha longametraxe documental dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia acadou o Premio MICE ao Mellor Filme Galego da Mostra. O xurado subliñou o feito de que "se adentre nun xénero tan pouco visitado como é a vídeo correspondencia”. Estas cartas filmadas “recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto", que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores. O Premio CREA, que dentro da MICE outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme "Tatuado nos ollos levamos o pouso", de Diana Toucedo. Unha curtametraxe sobre as mariscadoras dunha vila galega do sur de Galicia. O público decantou as votacións do seu premio para o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo.. Amplía a nova>>

20/03/2023
'Matria' encara a súa estrea en cines co premio a María Vázquez en Málaga

O filme "Matria", de Álvaro Gago sae do Festival de Málaga con dous recoñecementos encarando con eles a súa estrea en cines, este vindeiro venres. A protagonista do filme, a actriz María Vázquez, recolleu en Málaga o premio Biznaga de Plata á mellor interpretación feminina que outorga o xurado do festival polo seu traballo no papel de Ramona, a figura arredor da que xira a película "Matria". A cinta, baseada nunha anterior curtametraxe co mesmo título do realizador arousán, Álvaro Gago, é a súa primeira longametraxe, e recibiu tamén no evento malagueño o Premio ASECAN Ópera Prima da sección oficial de longametraxes. "Matria" conta a historia de Ramona, unha muller que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.María Vázquez interpreta a Ramona. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha 'Tatán', Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme. . Amplía a nova>>

17/03/2023
A película As estações foi a grande vencedora dos premios VENTURA

Os pasados 8 e 9 de marzo o foro de coprodución VENTURA reuniu en Tui unha ducia de proxectos audiovisuais de diferentes países. Profesionais de produción, programación, vendas e distribución de países como Suíza, España, Reino Unido, Alemaña, Grecia, Suíza, Serbia, Italia, Dinamarca ou Estados Unidos atopáronse nesta iniciativa que se promove desde o festival Play-Doc.. Amplía a nova>>

14/03/2023
Luis Zahera e Diego Anido premiados pola Unión de Actores

A parella de actores galegos que interpretan a dous irmáns na longametraxe de ficción 'As bestas', dirixida por Rodrigo Sorogoyen, conta dende onte cun novo premio polo seu traballo actoral. Neste caso o recoñecmento ven desde os seus compañeiros de profesión xa que se trata dos XXI Premios de la Unión de Actores y Actrices, que se entregaron onte no Teatro Circo Price de Madrid. Os compostelán subiron ao escenario ata tres veces. Diego Anido recibiu o premio Revelación masculino e volveu subir ao escenario a recoller tamén o que se lle entregou ao seu compañeiro de reparto en 'As bestas', o francés Denis Ménochet, que foi recoñecido como mellor actor protagonista de cine. Pola súa banda Luis Zahera volveu ver recoñecido o seu traballo interpretativo coa concesión do Premio de Cine ao mellor actor secundario. . Amplía a nova>>

14/03/2023
Nove producións recentes na Semana do Cinema Galego que comeza na Coruña

A Coruña vai acoller desde hoxe e ata o vindeiro domingo a IV Semana do Cinema Galego, unha cita impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña na que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes, finalistas e gañadores dun ou varios dos galardóns repartidos nos XXI Premios Mestre Mateo celebrados este pasado fin de semana, vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días. O público coruñés vai ter a oportunidade de gozar novamente en pantalla grande da gran triunfadora da última edición dos Mestre Mateo, "O corpo aberto", que acadou doce galardóns dos dezaseis aos que optaba, entre eles os das categorías de longametraxe, dirección e guión así como as de mellor interpretación masculina protagonista e de reparto para Tamar Novas e Federico Pérez, respectivamente. Nas sesións de proxección estarán presentes e participarán parte dos equipos responsables das obras. Deste xeito, visitarán A Coruña artistas como Jorge Coira, Manuel Manquiña, Xavier Villaverde, Manane Rodríguez, Ángel de la Cruz, Chelo Loureiro ou Ángeles Huerta, entre moitas outras figuras do noso cinema.. Amplía a nova>>

13/03/2023
'O corpo aberto' foi a protagonista indiscutida nos XXI Premios Mestre Mateo

A longametraxe 'O corpo aberto', de Ángeles Huerta, baseada nun relato de Xose Luís Méndez Ferrín, resultou a produción máis premiada na gala dos vixésimo primeiros Mestre Mateo. A ópera prima de ficción da directora conquistou as categorías de mellor longametraxe, dirección e guión para Ángeles Huerta, que comparte a última con Daniel D. García. As e os académicos recoñeceron cos seus votos a interpretación protagonista de Tamar Novas e a de reparto de Federico Pérez. O corpo aberto gañou tamén os premios á mellor dirección de arte para Antonio Pereira; dirección de fotografía para Gina Ferrer; dirección de produción para Tamara Soto; maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo, Noé Montes e María Barreiro; mellor música orixinal para Mercedes Peón; mellor son para Diego Staub e Jordi Rossinyol e mellor vestiario para Teresa Sousa.. Amplía a nova>>

10/03/2023
Chega aos cines o documental de Xavier Villaverde sobre María Casares

O documental "María Casares: a muller que viviu mil vidas" dirixido polo cineasta Xavier Villaverde e producido por Agallas Films chega hoxe ás salas de cine comercial. O filme estreouse na Seminci de Valladolid e propón un achegamento á vida e obra da actriz María Casares, unha muller nacida na Coruña e cuxa vida quedou marcada pola guerra civil e o exilio a Francia e na que que se cruzan figuras culturais de primeiro orde. A película de 1 hora e 42 minutos de duración conta coas intervencións —entre outros— de María Lopo, Emilio Grandío, Manuel Rivas, Mabel Rivera, Johanna Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo. En Galicia poderá verse en Santiago nos cines NUMAX e Multicines Compostela; en Ferrol no DUPLEX en Vigo nos Multicines Norte.. Amplía a nova>>

10/03/2023
O Álbum de Galicia do CCG inclúe a biografía de 'Pico'

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos na nosa historia, ven de incorporar unha entrada sobre o actor Xosé Manuel Olveira, "Pico" (Esteiro, Muros, A Coruña, 1955 – Santiago de Compostela, 2013). A biografía de "Pico" é unha das nove dedicadas a intérpretes de teatro e audiovisual de entre as 663 que actualmente ten este contedor de historias de vida, o que lle outorga aínda máis importancia á súa presenza. Xunto a el, figuran no Álbum do CCG os nomes de Ernesto Chao, Dorotea Bárcena, Marisa Soto, Maruxa Villanueva, María Casares, Manuela Rey, Josefina Blanco Tejerina e Tacholas no eido da interpretación escénica ou audiovisual. Ana Abad de Larriva asina este percorrido pola vida do actor esteirán, que destacou pola súa ampla traxectoria nas artes escénicas e no audiovisual. Apaixonado do teatro pola súa maxia insubstituíble, segundo el mesmo recoñeceu, participou en numerosas obras teatrais, así como en filmes de diferente metraxe. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org