O Carballo Interplay mira cara atrás no seu décimo aniversario

O Festival de Contidos Dixitais presenta o seu programa co que repasa a evolución da rede nos pasados dez anos

O Carballo Interplay celebra o seu décimo aniversario facendo unha análise exhaustiva do pasado, presente e futuro de internet. O evento de referencia sobre creación de contidos dixitais ven de presentar o seu programa completo, ao que pode xa accederse na súa web. O Xº Festival de Contidos Dixitais ofrecerá, do 29 de marzo ao 1 de abril, unha coidada selección das voces máis potentes da cultura, o activismo e o humor da Internet estatal. Por tratarse desta décima edición, a gala final de entrega de premios do Certame de series e o Concurso de proxectos de serie web en galego gala será especialmente importante. O sábado 1 de abril, Sandra Lesta e Xúlio Abonjo presentarán "Calquera tempo pasado foi anterior", un repaso polos momentos máis estelares da historia do festival, coa participación de múltiples amizades que xa forman parte da historia do Carballo Interplay, amenizado con música do Dj Ninguén de ningures.

O foco desta edición estará posto na evolución e cambios das redes na última década, centrándose nos proxectos que "empregan a rede como unha ferramenta para mellorar o mundo" e sobre todo aquelas propostas que apoian a cultura e o activismo e fomentan conversacións sobre a saúde mental, a igualdade en todos os ámbitos e a xustiza social. Na Sección Oficial participarán 16 das consideradas mellores series web do mundo, mentres que o programa profesional reúne a produtoras, xornalistas, medios e creadoras de contidos de relevancia a nivel estatal. Deste xeito pasarán por Carballo creadores de podcasts, guionistas, artistas dixitais, comunicadores e xornalistas especializados. Na Zona PRO do CIP analizaranse os novos xeitos de contar e habitar a rede que naceron nestes últimos anos: dende un medio de comunicación creado pola xeración Z e dirixido á xeración Z integramente en galego; unha rede social privada baseada nos coidados e exclusiva para mulleres, persoas trans e NB que conta cunha lista de agarda de máis de 1.500 persoas; ata o aditivo ensaio dunha newsletter centrada na cultura pop que marca cada quincena tendencia na conversa dixital. Tamén porase sobrea a mesa o xeito en que os medios de comunicación públicos foron cambiando co avance das redes sociais e os cambios na comunicación dixital, contando con representantes de RTVE e CRTVG. Ademais, esta edición acollerá o primeiro obradoiro de creación de memes da historia do festival. Reflexionarase sobre as posibilidades comunicativas e a capacidade de xerar unha linguaxe propia que teñen os memes. Repasaranse os usos que se fixeron á hora de xerar comunidades e transmitir mensaxes de xeito propagandístico, cifrado e humorístico. Este obradoiro correrá a cargo de Proyecto Una, unha comunidade millennial que ten como misión poñer en valor as alianzas feministas forxadas ao calor dos píxeles. As creacións pasarán a formar parte do banco de memes oficial Carballo Interplay.