AGADIC convoca as axudas á produción de proxectos audiovisuais

Manteñen o orzamento de 2.500.000 euros dos anteriores exercicios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que establece as bases e abre unha nova convocatoria para axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos. Neste ano esta liña mantén o orzamento das tres convocatorias anuais anteriores, cun total de 2.500.000 euros. O pasado 2022 foron un total de once longametraxes, unha serie documental e dúas curtametraxes as que recibiron o apoio da Administración autonómica na convocatoria. Estas subvencións buscan ter un carácter incentivador, polo cal as solicitudes deben presentarse antes do comezo do proxecto, segundo reza nas bases hoxe publicadas.

A esta liña de apoios poderanse presentar, segundo a resolución, proxectos de obras audiovisuais que teñan como destino principal a exhibición cinematográfica ou a emisión en canles de televisión e/ou plataformas de servizos de vídeo baixo demanda (VOD) e se poidan encadrar nas modalidades de ficción, animación e documental. As axudas resolveranse por concorrencia competitiva e a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada, segundo consta no DOG, ás necesidades de apoio que se desprendan do seu carácter cultural, da utilización da lingua galega na versión orixinal da obra, da súa achega á cinematografía galega e á promoción do talento galego, da súa viabilidade económica e de realización e da calidade da proposta. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual. Esta porcentaxe poderase reducir ata un mínimo do 10 % no caso das coproducións internacionais cando na produción da obra participen catro ou máis países.