A 18ª MICE repartiu o seu palmarés

A correspondencia fílmica de "Al otro lado del mar" gaña o premio ao mellor filme galego

A correspondencia fílmica de
Fotograma de 'Al otro lado del mar'
Co final da 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico promovida polo Museo do Pobo Galego chegou o palmarés que recoñece os mellores filmes por categorías. O filme "Al otro lado del mar", unha longametraxe documental dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia acadou o Premio MICE ao Mellor Filme Galego da Mostra. O xurado subliñou o feito de que "se adentre nun xénero tan pouco visitado como é a vídeo correspondencia”. Estas cartas filmadas “recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto", que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores. O Premio CREA, que dentro da MICE outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme "Tatuado nos ollos levamos o pouso", de Diana Toucedo. Unha curtametraxe sobre as mariscadoras dunha vila galega do sur de Galicia. O público decantou as votacións do seu premio para o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo.

Na sección internacional o Premio MICE ao Mellor Filme foi para "Tolyatti Adrift", de Laura Sisteró, unha película documental sobre o antigo símbolo do orgullo socialista, a cidade rusa de Tolyatti, convertida hoxe no Detroit ruso. O xurado valorou o seu tratamento "a través dunha mocidade sen perspectivas de futuro en constante confrontación coa vida dos e das súas maiores, unha situación extrapolable a case calquera lugar do mundo". Tamén, o uso da cámara “cunha proximidade que se achega case de forma íntima á cotidianidade das e dos protagonistas”, e o equilibrio na montaxe usando imaxes de arquivo e actuais. Pola súa banda o Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica, recaeu en Detached, de Vladimir Krivov, un filme no que se "dá conta da heteroxeneidade interna da comunidade chuckchi, desde a minuciosa narración de feitos cotiáns ata a elaboración de diagnoses e reflexións existenciais de alto calado para escoller as voces chukchi”. O xurado valorou ademais que a película abra unha serie de interrogantes de carácter global, como a posibilidade de imaxinar dinámicas modernizadoras alén do aniquilamento de formas de vida tradicionais, ou oportunidade de abordar fenómenos como cambio climático desde a experiencia indíxena.