08/03/2018
O MIPTV premia a Teresa Fernández-Valdés
A galega Teresa Fernández-Valdés será unha das catro persoas galardoadas cunha medalla de honra do MIPTV de Cannes. O principal mercado televisivo do mundo, que se celebra en Cannes entre o 9 e o 12 de abril recoñece deste xeito o labor desta profesional do audiovisual á fronte de Bambú Producións. Nada e formada en Galicia, Fernández-Valdés foi responsable de proxectos de grande éxito internacional como son
Gran Hotel,
Velvet,
Refuxiados,
Las chicas del cable ou, máis recentemente
Fariña, que están a abrir novos mercados ás series de ficción desenvolvidas no Estado..
Amplía a nova>>
05/03/2018
Dous galegos vinculados ao premio Óscar por Una mujer fantástica
A película chilena
Una mujer fantástica, gañadora do Óscar á mellor película en lingua estranxeira a pasada noite, conta coa participación dunha produtora moi vinculada profesionalmente a Galicia, Fernanda del Nido, que achegou a participación española desde a súa produtora Setembro Cine. Del Nido formouse entre Arxentina en Galicia, traballou en empresas galegas como Dygra ou fundou a produtora coruñesa TicTac Producciones, aínda que na actualidade a súa produtora está radicada en Vilanova i la Geltrú. Tamén o compositor Nani García, compuxo varios dos cortes da banda sonora do filme.
Una mujer fantástica chegou aos óscar precedida xa de varios premios e está dirixida por Sebastián Lelio. .
Amplía a nova>>
26/02/2018
Os Multicines Norte de Vigo reciben o Premio José Sellier
A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu outorgarlle aos Multicines Norte de Vigo o Premio Especial “José Sellier”, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. A actriz Marta Doviro recolleu o galardón, en representación dos Multicines, este venres, día 23, no Encontro de Finalistas dos XVI Premios Mestre Mateo que se celebrou na Domus da Coruña. Con este premio, a Academia quere poñer en valor "este espazo de referencia para a cinefilia galega, que leva máis de tres décadas apostando polo cine de autor dende a independencia do cine de barrio". A AGA salienta o exemplo extraordinario destas salas, xestionadas dende a súa apertura pola mesma empresa familiar, e que "ofrecen ao público a posibilidade de descubrir filmes fóra dos circuítos maioritarios, incluíndo películas en versión orixinal, reposicións de clásicos e, por suposto, cinema galego"..
Amplía a nova>>
21/02/2018
O segundo festival Animacción amosa os novos valores do cinema animado
O Fórum Metropolitano da Coruña acolle este xoves 22 a segunda xeira de Animacción, o festival de curtametraxes animadas. A iniciativa, que quere dar a coñecer os novos valores do cinema de animación, proxectará en dous pases, ás 16 e ás 19:45 horas, os traballos finalistas do Concurso de Curtametraxes AnimaAcción 2018. O público será o encargado de seleccionar cos seus votos o gañador entre os 24 filmes seleccionados, chegados de 14 países diferentes. Entre unha sesión e outra, haberá un encontro informal sobre a situación da animación e uns petiscos na sala Plataforma14, onde tamén se pode ver a exposición Graphic JAM organizada por lo colectivo de ilustradores Miñoco. A Asociación Sen Ánimo de Nome, que organiza o evento, anunciou que están xa esgotadas as entradas..
Amplía a nova>>
20/02/2018
María Bouzas recibirá o Premio de Honra Fernando Rey
A Academia Galega do Audiovisual (AGA) ven de facer pública a súa decisión de homenaxear co Premio de Honra Fernando Rey de 2018 á actriz galega María Bouzas (Mugardos, 1962). Co galardón, a AGA quere "recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia". Bouzas, que foi presidenta da AGA entre 2006 e 2009, recibirá o Premio Fernando Rey durante a Gala dos Mestre Mateo, que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña o sábado 3 de marzo. No palmarés profesional da actriz este premio súmase a dous María Casares, cinco Mestre Mateo e un Premio da Cultura Galega, que subliñan a relevancia da carreira da homenaxeada. .
Amplía a nova>>
15/02/2018
O audiovisual do país cítase na Escolma de Cinema Galego de Sarria
Unha selección cos filmes de produción galega máis recoñecidos do último ano é o que achega a terceira edición da Escolma de Cinema Galego de Sarria. A Casa da Cultura da vila acolle este 24 de febreiro as proxeccións de
Dhogs,
Esquece Monelos,
Matria,
Paisaxes da Capelada de Alberto Lobelle,
A Rapa das Bestas de Jaione Camborda,
Qviasma de Tono Mejuto e
M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite 1983-1987) de Ángel Santos. A cita é unha ocasión única de contemplar filmes que a miúdo teñen moi pouca distribución na carteleira tradicional..
Amplía a nova>>
14/02/2018
O segundo Conecta Fiction integra un festival de Series Televisivas
Este xoves 15 de febreiro abre o prazo de acreditacións para a segunda xeira de
Conecta Fiction, que se celebrará en Compostela entre o 18 e o 21 de xuño. O encontro especializado en contidos televisivos para os mercados de Estados Unidos, Europa e América Latina que organiza a Xunta presentaba onte en Madrid as novidades para este ano, entre as que destaca a celebración dun festival de series televisivas aberto ao público xeral e a ampliación e un a dous territorios como convidados ao evento..
Amplía a nova>>
07/02/2018
A longametraxe 'Dhogs' arrasa nas candidaturas aos Premios Mestre Mateo
A película
Dhogs de Andrés Goteira (Gaita filmes e Pixel Films) ven de rachar os rexistros de candidaturas finalistas da historia recente dos Premios Mestre Mateo do audiovisual acadando a opción a recoller 14 estatuíñas grazas ás súas 17 candidaturas. Tres dos catro finalistas na categoría de Mellor Actor Masculino de reparto son parte desta produción. As cen candidaturas das vinte e cinco candidaturas finalistas aos XVI Premios Mestre Mateo da Academia galega do Audiovisual reveláronse hoxe nun acto que tivo lugar na sede da Fundación SGAE en Santiago. Os actores María Mera e Monti Castiñeiras fixeron a apertura de sobres e desvelaron os nomes elixidos, un dos cales era o do propio Castiñeiras que volve optar á Mellor Interpretación Masculina de reparto que xa acadou o ano pasao, neste caso ten como rivais aos tres actores de
Dhogs, Miguel de Lira, Antonio Durán "Morris" e Carlos Blanco..
Amplía a nova>>
07/02/2018
Carballo Interplay suma un espazo profesional na súa vindeira edición
O festival de webseries Carballo Interplay continúa a súa evolución e medra para a súa quinta xeira, que se celebrará entre o 4 e o 7 de abril. A organización acaba de anunciar a posta en marcha dunha xornada profesional, que o día 5 buscará "conectar a creadores e creadoras coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación que están apostando polos contidos dixitais de creación propia". Co prazo de inscrición aínda aberto, o encontro contará con representantes das plataformas Playz de RTVE, FLOOXER (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG ou Playground entre outras, "ademais de varios directoras e programadoras de festivais de series dixitais estatais e internacionais". .
Amplía a nova>>
06/02/2018
Agadic leva o catálogo Shorts from Galicia a Clermont-Ferrand
Matria,
Buenos días, España,
Plus Ultra,
La mujer invisible,
El reloj e
Rapa das bestas son as curtametraxes que fan parte da nova edición do catálogo
Shorts from Galicia. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de presentar a edición de 2018 deste programa de promoción, que inclúe tamén un vídedo, no Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, que abría onte as súas portas. No mesmo, o audiovisual galego participa cun espazo propio no marco do posto común do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Estado. A selección de traballos correspondeu a "unha comisión especializada tras unha convocatoria pública aberta pola Agadic, á que se presentaron unha trintena de traballos de realizadores galegos". .
Amplía a nova>>