A longametraxe 'Dhogs' arrasa nas candidaturas aos Premios Mestre Mateo

Consegue 17 finalistas en catorce categorías seguida de 'A estación violenta' con 8 candidaturas

Consegue 17 finalistas en catorce categorías seguida de 'A estación violenta' con 8 candidaturas
Presentación finalistas XVI Premios Mestre Mateo Foto: S. Montes
A película Dhogs de Andrés Goteira (Gaita filmes e Pixel Films) ven de rachar os rexistros de candidaturas finalistas da historia recente dos Premios Mestre Mateo do audiovisual acadando a opción a recoller 14 estatuíñas grazas ás súas 17 candidaturas. Tres dos catro finalistas na categoría de Mellor Actor Masculino de reparto son parte desta produción. As cen candidaturas das vinte e cinco candidaturas finalistas aos XVI Premios Mestre Mateo da Academia galega do Audiovisual reveláronse hoxe nun acto que tivo lugar na sede da Fundación SGAE en Santiago. Os actores María Mera e Monti Castiñeiras fixeron a apertura de sobres e desvelaron os nomes elixidos, un dos cales era o do propio Castiñeiras que volve optar á Mellor Interpretación Masculina de reparto que xa acadou o ano pasao, neste caso ten como rivais aos tres actores de Dhogs, Miguel de Lira, Antonio Durán "Morris" e Carlos Blanco.

As catro películas finalistas á Mellor Longametraxe son tamén as que máis candidaturas conseguen no conxunto desta edición. Dhogs rompeu os rexistros máis recentes con 17 candidaturas, por riba das 13 que o pasado ano acadou María y los demás, das 15 de O descoñecido e Cella 211 e mesmo das 16 que no seu momento conseguiron cintas como A Esmorga ou O neno de barro. A pleícula de Andrés Goteira, que durante o pasado ano conseguiu recoñecementos en festivais internacionais álzase como clara favorita nesta edición xa que está en todas as categorías nas que unha longametraxe pode estar. Dúas películas dirixidas por mulleres, A estación violenta de Anxos Fazáns (Matriuska Producciones) e Trinta Lumes, de Diana Toucedo (Lasoga Films e Dianatoucedo Films) compiten nesa categoría e acadan cada unha delas 8 e 5 finalistas respectivamente na lista xeral. Os Fillos do Sol é outra candidata a mellor película que tamén consegue 7 finalistas no conxunto das categorías.

Entre as producións estritamente televisivas a serie O final do Camiño (Voz Audiovisual, CRTVE e CRTVG) fíxose neste chanzo do proceso dos Mestre Mateo con sete candidaturas seguida por Serramoura que se mantén un ano máis como un produto de éxito e que a xuízo dos memebros da academia merece ser finalista en seis das categorías, entre elas a de mellor guión, mellor dirección e mellor montaxe. Carlos Ares,presidente da Academia Galega do Audiovisual abriu o acto de presentación dos finalistas seleccionados polosmemebros da Academia de entre as 158 obras que presentaron algunha candidatura, o acto tamén contou coa presenza dos patrocinadores dos premios, Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Jacobo Sutil, director de AGADIC; Dolores Meijomín, coordinadora políticas para o audiovisual de AGADIC; Xaime Airas, Dirección de Proxección Social da CRTVG; Miguel Diéguez Díaz, director Zona Noroeste SGAE; Yolanda Pereira, en representación de AISGE; Paz Vázquez, en representación de Trevisani; Ana Lago, do departamento de márketing de GADISA; Iván Fernández, de prensa de Galicia Calidade. Empresas e profesionais candidatos.O destino final de todos os galardóns coñecerase o vindeiro sábado 3 de marzo nunha gala que se celebrará no Pazo da Ópera da Coruña, e que conducirá, por segundo ano consecutivo, a actriz Iolanda Muíños.