Unha selección cos filmes de produción galega máis recoñecidos do último ano é o que achega a terceira edición da Escolma de Cinema Galego de Sarria. A Casa da Cultura da vila acolle este 24 de febreiro as proxeccións de Dhogs, Esquece Monelos, Matria, Paisaxes da Capelada de Alberto Lobelle, A Rapa das Bestas de Jaione Camborda, Qviasma de Tono Mejuto e M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite 1983-1987) de Ángel Santos. A cita é unha ocasión única de contemplar filmes que a miúdo teñen moi pouca distribución na carteleira tradicional.