Novas | 1181 a 1190 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

03/04/2018
Agadic convoca as subvencións para levar o audiovisual ao circuíto de festivais internacional

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ven de facer pública a convocatoria de subvencións para a promoción e difusión do cinema galego en 38 festivais de prestixio nacional e internacional celebrados entre o 1 de decembro de 2017 e o 30 de novembro do 2018. Esta liña de axudas, dotada con 30.000 euros, ten como obxectivo reforzar as campañas de promoción dos filmes que teñan sido seleccionados nalgunha das mostras especificadas nas propias bases, co fin de pór en valor o traballo dos produtores e creadores, así como de situar Galicia no mapa cinematográfico internacional. Os festivais recollidos na convocatoria son os clasificados pola Federación Internacional de Asociacións de Produtores (FIAPF). Cada participación nun destes festivais pode chegar a recibir entre 1000 e 5000 euros en función das categorías de selección (seccións oficiais, competitivas, de exhibición etc.) e a tipoloxía do filme. As películas que se presenten nas seccións oficiais ao Festival de Cannes, a Berlinale, a Bienal de Venecia ou ao Festival Internacional de Cine de San Sebastián poden obter ata 5.000 euros de axuda para os gastos promocionais e unha mesma produción poderá optar a axuda correspondente a un máximo de dous certames. O pasado ano a convocatoria contou co mesmo orzamento, do que chegaron a outorgarse 23.600 euros. A longametraxe multipremiada nos Mestre Mateo Doghs foi a produción que recibiu unha maior axuda con 5.000 euros. . Amplía a nova>>

02/04/2018
Axudas para a distribución provincial de audiovisual en galego na Coruña

A Deputación da Coruña ven de convocar unha nova liña de axudas destinadas á distribución de contidos audiovisuais en galego en calquera localidade da provincia. Apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega é o obxectivo da nova liña de axudas á que o ente provincial destina un orzamento de 150.000 euros que sae publicada no BOP do mércores día 28 de marzo e ten o prazo de presentación aberto até o vindeiro 8 de maio. A convocatoria considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos.. Amplía a nova>>

22/03/2018
O documental Vértice de Versos percorre a poesía contemporánea galega

Un percurso pola poesía do noso país desde os anos 90. Esta é a proposta de Vértice de Versos, o documental de Carlos Santiago que chega agora ás pantallas. Segundo explica no web de presentación, o filme "repasa o acontecido desde os anos 90 no universo poético de Galicia. É un proxecto audiovisual que presta atención ao valor didáctico que permite coñecer a principal fonte literaria galega". Críticos, editores e o propio colectivo de escritores e escritoras explican en diferentes entrevistas a súa visión sobre a creación poética e a evolución deste panorama creativo no último cuarto de século.. Amplía a nova>>

21/03/2018
O primeiro filme gai galego chega ás pantallas o 7 de abril

Rematada a súa xira por diferentes festivais, a longametraxe Nove de novembro, primeira de temática gai realizada na nosa lingua, chegará ás pantallas dos cinemas galegos o vindeiro 7 de abril. O Teatro Colón da Coruña acollerá a estrea nunha gala na que participará Lázaro Louzao, director do proxecto, canda ao equipo técnico e artístico desta produción. Ademar Silvoso e Brais Yanek protagonizan esta historia de amor ambientada no final dos anos 80. . Amplía a nova>>

16/03/2018
A Iª Semana da Novela Negra levará un misterio ao barrio santiagués de San Pedro

O barrio compostelán de San Pedro, zona de especial axitación cultural da capital, celebrará a partir do vindeiro 6 de abril a primeira edición da Semana da Novela Negra. A acción está promovida pola Libraría Pedreira e conta cunha serie de actividades arredor deste xénero, tanto en narrativa como en banda deseñada, ilustración, cinema... Levaranse a cabo coloquios, debates e presentacións coa presenza de escritores e escritoras de prestixio na literatura galega como Ledicia Costas, Elena Gallego, Miguel Anxo Fernández ou Diego Ameixeiras. Como fío condutor das actividades, grazas á colaboración do escritor Héctor Cajaraville, creouse un misterio para que a xente que o desexe poida resolver: a desaparición no ano 2006 dun personaxe ficticio, Emilio Bugallido Matalobos, cuxo corpo apareceu neste 2018. . Amplía a nova>>

16/03/2018
Corenta e dúas webseries de todo o mundo compiten no Carballo Interplay

O festival de Carballo Interplay, que se celebra entre os vindeiros 4 e 7 de abril, acaba de presentar a súa sección competitiva, que reúne un total de 42 webseries de todo o mundo. O xurado seleccionou entras as 250 propostas presentadas ao evento 3 producións galegas e en galego, 12 do resto do estado e 27 do resto do mundo. Arxentina, Australia, Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza e Uruguai son países que estarán presentes no festival, nun programa no que predomina a comedia, xénero de 22 das 42 series seleccionadas. . Amplía a nova>>

15/03/2018
A Xunta aproba o Plan DICO Mindset de impulso aos contidos dixitais

Esta mañá o Consello da Xunta aprobou o Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (clúster tic, clúster audiovisual, empresas tractoras, etc.). Esta iniciativa enmárcase nos mesmos obxectivos do programa Viraxe TIC posto en marcha pola Amtega e os Clústeres Audiovisual e TIC en agosto de 2016. De novo en colaboración co sector audiovisual e o sector TIC, o Plan contempla crear un centro de produción de contidos dixitais e dentro da iniciativa de Memoria Dixital apostarase pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego. En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020. . Amplía a nova>>

14/03/2018
Un vídeo de Carnota obtén un segundo premio nunha feira turística en Berlín

O vídeo chámase O Legado / The legacy e acaba de obter un segundo premio nos galardóns The Golden City Gate, que se outorgan en Berlín no marco da feira de turismo ITB. Esta convocatoria premia a numerosas producións audiovisuais de todo o mundo en diferentes categorías. O Legado foi unha dos 46 anuncios turísticos de países tan diversos como Dinamarca, Canada ou Perú que obtivo un segundo premio. O vídeo presenta a viaxe de volta dun emigrante carnotán á súa terra natal desde o norte de Europa. . Amplía a nova>>

13/03/2018
Os festivais de cinema quentan motores para a primavera

Pendente de presentar a selección de obras a concurso, o Carballo Interplay fixo pública a súa programación de actividades. Para alén da xa anunciada sesión pro do día 5 de abril, con encontros con produtores ou un Pitching de proxectos de webserie en galego, o evento desenvolverá ata o día sete toda unha serie de propostas como o panorama de experiencias de creación audiovisual en secundaria, as mesas redondas Como creamos a nosa identidade pública en internet ou Tendencias, multimedia e xornalismo para millennials ou a conferencia Como petamos as redes con Operación Triunfo. Canda a isto, haberá obradoiros de biotecnoloxía ou electrónica para crianzas ou o Obradoiro de Narrativas de vídeo en redes sociais. Entre os nomes, Carlangas de Novedades Carminha, Belena Gaynor, Carolina Iglesias (Percebes y Grelos), Abigail Frías (Abi Power), Beatriz Cepeda (Perra de Satán), Iago Fernández ou Akira Valero entre outros.. Amplía a nova>>

09/03/2018
Alberto Vázquez leva ao Cartoon Movie o proxecto da súa nova longametraxe

Unicorn Wars, a nova longametraxe de animación dirixida por Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) está de actualidade pola súa presenza na feira do audiovisual de animación Cartoon Movie. O evento, que se está a celebrar estes días na cidade francesa de Burdeos é o marco escollido para a presentación do proxecto en fase desenvolvemento deste filme para o que as súas produtoras buscaran apoios de mercado. Vázquez volve poñerse na dirección despois dos éxitos recollidos a nivel internacional co seu anterior longametraxe Psiconautas e coa curtametraxe Decorado polas que obtivo no mesmo ano os dous premios Goya en cada categoría e un Premio Mestre Mateo á mellor curtametraxe ademais dun enorme palmarés de galardóns no seu percorrido polo circuíto internacional de festivais. Unicorn Wars está producido en colaboración por catro empresas entre as que está Abano Producións, a produtora de Chelo Loureiro que ven de recoller o Premio Mestre Mateo pola obra de animación The Neverending Walls. Abano Producións, UniKo (España) e Autour de Minuit (Francia) recuncan con Vázquez, co que xa fixeran a produción de Decorado. En Unicorn Wars Alberto Vázquez coloca unha historia de amor fraternal nun escenario dun conflito bélico brutal e interminable entre dúas especies: os osiños e os unicornios. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org