06/02/2018
Agadic leva o catálogo Shorts from Galicia a Clermont-Ferrand
Matria,
Buenos días, España,
Plus Ultra,
La mujer invisible,
El reloj e
Rapa das bestas son as curtametraxes que fan parte da nova edición do catálogo
Shorts from Galicia. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de presentar a edición de 2018 deste programa de promoción, que inclúe tamén un vídedo, no Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, que abría onte as súas portas. No mesmo, o audiovisual galego participa cun espazo propio no marco do posto común do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Estado. A selección de traballos correspondeu a "unha comisión especializada tras unha convocatoria pública aberta pola Agadic, á que se presentaron unha trintena de traballos de realizadores galegos". .
Amplía a nova>>
26/01/2018
O cinema galego chega á Berlinale e ao Festival de Rotterdam
Continúan os recoñecementos internacionais do cinema galego. Este mércores abría as súas portas o 47 Festival de Rotterdamm, que conta cunha nutrida presenza do país. Alí estreará, no marco da sección "Bright Future" o seu segundo filme Alberto Gracia, que xa fora galardoado neste evento.
La estrella errante propón un percorrido arredor do punk e das drogras a partir da figura de Rober Perdut, cantante da banda Los Fiambres. Canda a el, poderá verse na sección "Perspectives" o filme
El paisaje está vacío y el vacío es paisaje da viguesa Carla Andrade. Tamén en "Bright Future" está presente a premiada
Mimosas, de Óliver Laxe. O director protagoniza ademais a peza
Santos #2, Work in Progress, na que o vigués Antón Corbal retrata o retorno de Laxe á súa aldea familiar e que fai parte da sección "Deep Focus". .
Amplía a nova>>
24/01/2018
A curtametraxe Matria obtén o Grande Premio do Xurado en Sundance
O xurado do Festival de Sundance outorgoulle o seu Grande Premio na categoría de curtametraxes ao filme
Matria, de Álvaro Gago. A produción galega obtivo o maior recoñecemento da súa categoría e impúxose a outros 68 filmes escolleitos entre máis de 8.700 que tentaron participar.
Matria que aborda desde unha ollada crítico o mito do matriarcado na cultura tradicional galega obtivo xa anterioremente galardóns en diferentes festivais como a Seminci de Valladolid..
Amplía a nova>>
24/01/2018
Nani García fai parte dunha candidatura aos Óscar
O filme chileno
Una mujer fantástica que acaba de obter a candidatura a mellor fita en lingua estranxeira dos Óscar de Hollywood, conta con presenza galega entre os seus creadores. O músico Nani García asina varias pezas da banda sonora desta produción, na que Matthew Herbert levou o peso principal. García elaborou as súas composicións de xeito libre e sen interactuar coa música de Herbert, segundo explica hoxe en
La Voz de Galicia. O músico coruñés actuará o vindeiro 3 de febreiro na coruñesa Sala Garufa nun concerto co seu trío acompañado polo Quinteto Cimarrón para presentar o seu último disco,
Cinematojazzía.
.
Amplía a nova>>
23/01/2018
Proxectos audiovisuais galegos participan en festivais internacionais
O ano 2018 comeza a consolidar a presenza do audiovisual galego en diferentes citas internacionais. Entre as máis destacadas, a presenza da curtametraxe
Matria de Álvaro Gago no prestixioso festival americano Sundance. A peza, que se comezou a emitir sábado e que se pode ver ata este xoves 25, fai parte do programa
Shorts Program 5. Pola súa banda, o debuxante e director Alberto Vázquez protagoniza en Escocia a fin de semana dedicado á animación do encontro escocés CinemaAttic. Unha clase maxistral o día 26 e unha exposición sobre os seus traballos que se poderá ver do 28 de xaneiro ao 4 de febreiro son as propostas arredor do creador galego..
Amplía a nova>>
16/01/2018
A Agadic incrementa o seu apoio aos cineclubs galegos
A Federación de Cineclubes de Galicia asinaba onte un convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais polo que este organismo público apoiará a actividade destas entidades ao longo de 2018. En total serán 30.000 euros, 5.000 máis que en 2017, os que facilitarán o desenvolvemento de 14 ciclos e de 10 semanas de cine nun total de 16 localidades, unha máis que no anterior período. Segundo explica o comunicado da Agadic, o obxectivo deste convenio "é reforzar o papel destas asociacións culturais como alternativa á exhibición cinematográfica dos circuítos comerciais e, nalgúns dos casos, como única posibilidade de ver cinema en pantalla grande para os espectadores das súas localidades"..
Amplía a nova>>
03/01/2018
As axudas a producións audiovisuais mantéñense en dous millóns de euros
Con case dous meses de adianto a respecto o calendario habitual "para adecuarse o máximo aos planos de traballo anuais das produtoras", a Axencia Galega das Industrias Culturais convocou as subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. Dotada como está a ser habitual nos últimos anos con dous millóns de euros, esta liña de subvencións é a de maior contía de todas as axudas públicas dirixidas ao sector e manteñen as cinco modalides de longametraxes de ficción en imaxe real, de animación, documentais, curtas de ficción, animación ou documentais e longas e series para televisión. A convocatoria está aberta a solicitudes ata o vindeiro 29 de xaneiro..
Amplía a nova>>
02/01/2018
Quiosco: Papeis da Academia 2017
A Academia Galega do Audiovisual (AGA) ven de subir á rede un novo número da súa revista-anuario
Papeis da Academia nun formato de estrea para esta edición. Nesta nova edición da publicación en liña a AGA ofrece, baixo a coordinación editorial de María Yáñez, contidos de actualidade, un repaso do que deu de si o 2017 e un avance do que está por vir neste ano que comeza. O tema de portada é a reportaxe
Nacidos despois de Sempre Xonxa: a quinta so millennials renova o audiovisual galego, da propia Yáñez. A revista tamén ofrece unha entrevista ao novo director da academia, Miguel Mariño, que estrea o cargo antes inexistente e repasa en varios contidos a actividade da AGA neste ano pechado. O que deron de si os Premios Mestre Mateo e os festivais audiovisuais existentes na xeografía galega centran outros dos contidos destes
Papeis da Academia..
Amplía a nova>>
27/12/2017
O LAV de Vedra fecha etapa para se reinventar
Unha das citas xa fundamentais na formación audiovisual do país, o LAV de Vedra, fecha as súas portas. A organización do evento anunciaba a pasada semana a través das redes sociais que fechan unha etapa desta iniciativa coa intención de reformular o proxecto. "Cargámonos o Laboratorio Audiovisual de Vedra, polo menos tal como o coñecemos. Acabouse a fin de semana de febreiro de cursos intensivos no colexio de Vedra", explican nun comunicado en Facebook e indicar que "xa estamos traballando nun novo proxecto: despois de 10 anos nas aulas, chegou a hora do patio, a hora de que o LAV saia a airearse. Nese proceso estamos: remexendo os miolos para completar o proceso de reconversión do que sairá a nova mutación do LAV". Adiantan que non será ata despois do verán que se coñezan as novidades da iniciativa, que cumpriu neste 2017 unha década de existencia..
Amplía a nova>>
26/12/2017
Cans abre a súa convocatoria para o envío de propostas audiovisuais
O Festival de Cans abriu hoxe martes a súa convocatoria para a presentación de obras audiovisuais que queiran participar nesta edición. As pezas deben ser de produción galega e realizadas entre os anos 2017 e 2018. Haberá categorías de curtametraxes de ficción, de animación, videoclips e unha nova sección, "Furacáns", que premiará obras de non-ficción "que asuman maiores riscos narrativos", segundo a organización. En total, serán 7.900 euros en premios. O Festival celebrarase desta volta entre o 23 e o 26 de maio de 2018, por primeira vez sen coincidir co festival de Cannes (Francia).
.
Amplía a nova>>