Novas | 1131 a 1140 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

04/01/2019
Chega aos cinemas Memorias de un hombre en pijama

Director, guionistas, boa parte do elenco, unha das tras produtoras e apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais. Memorias de un hombre en pijama, a comedia de animación que chega hoxe aos cinemas conta cunha importante presenza galega, a comezar polo labor de Carlos Fernández de Vigo á dirección e de Ángel de la Cruz e Diana López Varela, que asinan o guión canda a Paco Roca, autor valenciano da BD na que se basea o filme. Canda a eles, fan parte do elenco deste proxecto intérpretes do país como Manuel Manquiña, María Castro ou Tacho González. A Axencia Galega das Industrias Culturais achegou 257.000 euros das axudas á produción a este proxecto que a produtora Ézaro Films comparte con Team Concept e Hampa Studio.. Amplía a nova>>

02/01/2019
Quiosco: Papeis da Academia 2018

A Academia Galega do Audiovisual acaba de presentar o seu anuario dixital Papeis da Academia correspondente ao ano 2018. A publicación abre cunha reportaxe na que se repasa o papel de Pilar Sueiro, Marta Villar, Luisa Veira, Beatriz Legerén, Margarita Ledo e Encarna Alonso nos comezos do cinema e do audiovisua galegos. Unha conversa cos investigadores Marta Pérez, Isabel Sempere e Iván Villarmea, a entrevista cos actores Melania Cruz e Iván Marcos ou un repaso dos proxectos en marcha de cara a 2019 son outras propostas que se poden atopar nesta entrega.. Amplía a nova>>

26/12/2018
Gaitafilmes organiza o oitavo festival de curtametraxes M de Cine

Gaitafilmes, o colectivo-produtora do que naceu o aclamado filme Dhogs no concello lucense de Meira, organiza un ano máis o seu certame de curtametraxes M de Cine, que se celebrará con diversas proxeccións entre os días 29 e 30 de este mes. O colectivo M de Meira, xunto co Concello da localidade impulsan por oitavo ano esta iniciativa de Gaitafilmes, colectivo liderado polo premiado director Andrés Goteira. Este ano o certame contará por vez primeira cun xurado profesional para dirimir o seu palmarés, que estará composto por Aser Álvarez, Sonia Méndez e Carlos Blanco. Este certame foi o leixido por Gaitafilmes para presentar as primeiras imaxes de Dhogs o pasado ano, previamente á súa estrea en festivais e ao seu clamoroso éxito nos Premios Mestre Mateo.. Amplía a nova>>

21/12/2018
Fernando Redondo gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

A obra Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Naturgy. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 21 de decembro de 2018, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela. O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega, a Asociación dos Amigos do Campo, que nas primeiras décadas do s. XX, recolleron no celuloide, paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto. O traballo sitúase no momento en que Galicia se abría ao Modernismo. Daquela, ten valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memorialístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía.. Amplía a nova>>

20/12/2018
O Consorcio Editorial abre o portal de venda directa Voando Libre

A distribuidora comercial de produtos culturais Consorcio Editorial Galego ven poñer en liña un novo recurso de venda ao por menor. A páxina Voandolibre.gal ofrece diversidade de oferta nun catálogo que vai desde libros, banda deseñada e discos ata roupa, complementos, papelaría, xogos, etc. O novo recurso de distribución ofrece así unha vía de saída comercial a produtos feitos e deseñados en Galicia por varias empresas de diversos sectores do sistema cultural galego, nunha lista de provedores de produto aglutinadora que deixa ver unha panorámica transversal da potencia do feito cultural a nivel empresarial. Aproveitando a campaña de Nadal o Consorcio, que traballaba habitualmente a través de puntos de venda físicos en librarías e tendas, entra no actividade comercial da venda directa ao público. O portal ofrece pasarela de pago anticipado e tamén compra contra reembolso e garante a entrega final do pedido nun prazo máximo de 10 días. . Amplía a nova>>

18/12/2018
Os festivais audiovisuais únense na coordinadora Proxecta

A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, Proxecta, presentouse hoxe no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela ao tempo que publicaba a súa páxina web na que explican os seus pormenores. Proxecta nace despois de dous anos de traballo e parte dunha vella angueira do sector, apoiada desde a Academia Galega do Audiovisual polo seu presidente Carlos Ares e algunhas administracións coas que aspira a servir de interlocución para os problemas xerais do sector no país e para acadar recoñecemento, posta en valor e apoio á súa actividade. . Amplía a nova>>

17/12/2018
Suburban Birds faise co premio de Novos Cinemas

Onte, domingo 16 de decembro, fechaba as súas portas en Pontevedra a terceira xeira do festival Novos Cinemas. O xurado internacional, composto por Paula Astorga, Manolo González e Eloy Domínguez Serén acordou outorgalle o premio á mellor longametraxe a Suburban Birds de Qui Sheng, "por ser unha exploración audaz e luminosa, que retrata de xeito fascinante a transformación social, cultural e identitaria dunha sociedade a través da súa transfiguración urbanística". Canda a ela, Un violento desexo de ledicia, de Clément Schneider obtivo unha mención especial. . Amplía a nova>>

14/12/2018
Xacio Baño estrea a súa longametraxe Trote

Logo dunha exitosa carreira no circuíto de festivais, Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, chega hoxe ás salas de cinema. O filme, que contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais para a escrita do guión, o desenvolvemento e a xira por festivais, conta a historia dunha muller que vive nunha aldea do interior de Galicia. As tensas relacións coa súa familia, co pano de fondo da Rapa das Bestas, centran un filme que protagoniza María Vázquez. Unha ducia de salas de todo o país acollerán a estrea desta produción, que xa se puido ver en citas como Cineuropa, o festival de Locarno ou o de San Sebastián. . Amplía a nova>>

12/12/2018
'La Sombra de la ley' consegue seis nomeamentos nos premios Goya

A Academia de Cine ven de facer publica a lista de candidatos finalistas ás 33 categorías dos premios Goya e de entre eles buscamos a representación que o audiovisual feito en Galicia deixa nesta edición. Dous actores e catro producións aparecen nesa lista. Desde unha perspectiva de números destaca a película La sombra de la Ley, dirixida por Dani de la Torre e co-producida por Vaca Films, por conseguir ata seis nomeamentos nesta edición, todos eles do apartado técnico. O filme protagonizado por Luís Tosar resulta finalista nas categorías de Mellor Música Orixinal; Maquillaxe e perruqueiría; Dirección de fotografía; Mellor Dirección artística e Mellor Deseño de Vestiario. Nas categorías de interpretación o sector galego ten en Luís Zahera e o asturiano-ferolán Javier Gutiérrez a súa representación. Mentres Gutiérrez aspira na categoría de actor protagonista ao que sería o seu terceiro Goya por Campeones, o compostelán Zahera busca a súa primeira estatua como Mellor Actor de Reparto polo seu traballo en El reino, produción revelación destas candidaturas con 13 nomeamentos.. Amplía a nova>>

10/12/2018
A Mostra de Curtas de Noia e o FIC Vía XIV de Verín premiaron o cine de formato curto

Dúas citas co formato da curtametraxe se estiveron realizando a pasada semana de xeito paralelo na nosa xeografía. Na vila coruñesa de Noia a veterá Mostra de Curtametraxes Vila de Noia celebraba a súa XIXª edición e pechaba a semana presentando o seu palmarés. No sur, na provincia de Ourense, Verín celebraba a terceira edición do seu evento internacional FIC Vía XIV, que tamén repartía os seus galardóns. Dúas citas simultáneas co formatos audiovisual de curta duración e que demostraron boa saúde cultural atraendo público e participación de cintas.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org