Novas | 1121 a 1130 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

01/02/2019
A produtora Agallas Films levará ao cine o naufraxio do Santa Isabel en Sálvora

A produtora Agallas Films levará ao cine a historia do naufraxio do vapor correo Santa Isabel en 1921 fronte á illa de Sálvora, un triste feito que deixou unha pegada indeleble no Barbanza. O lutuoso suceso foi coñecido como o "Titanic galego". O proxecto liderado por Agallas Films, e dirixido por Paula Cons, vai ter como coprodutores a empresas do País Vasco, Arxentina e Portugal. A película, que aínda non ten título, arrincará xusto despois do afundimento do vapor e virará ao redor das heroínas de Sálvora, tanto ao recoñecemento popular que recibiron pola súa fazaña como a algún que outro reproche do que foron vítimas. Nerea Barros será a gran protagonista e dará vida a unha das heroínas. Xunto a ela estarán, entre outros, Aitor Lúa, que se converterá no fareiro da illa, e o actor arxentino Darío Grandinetti, que encarnará a un xornalista que sacará á luz diversas cuestións relacionadas coa traxedia, tanto positivas como negativas. O naufraxio do Santa Isabel, que facía a ruta Bilbao-Cádiz, tivo lugar na madrugada do 2 de xaneiro a 200 metros da illa e nel faleceron 213 dos seus 268 pasaxeiros e tripulantes. A rodaxe da película arrincará o 4 de marzo e nestes momentos están a elixirse as localizacións e a buscar extras. Boa parte das escenas gravaranse na illa de Sálvora, pero a produtora tamén busca outros escenarios exteriores na comarca que poidan adaptarse á época na que tivo lugar o suceso. A idea é que o lanzamento da película teña lugar o ano próximo.. Amplía a nova>>

30/01/2019
Memorias de un hombre en pijama suma un premio Gaudí ao seu Palmarés

A piques de resolverse a súa nominación aos Premios Goya, o filme Memorias de un hombre en pijama, dirixida por Carlos Fernández de Vigo, acaba de sumar un Premio Gaudí ao seu palmarés. A produción de Ézaro Films fíxose co galardón á Mellor Película de Animación na 11 edición dos premios que concede anualmente a Acadèmia del Cinema Català. O vindeiro sábado 2 de febreiro saberase se se impón na mesma categoría dos Premios Goya, que se fallarán en Madrid.. Amplía a nova>>

30/01/2019
Cangas inaugura o primeiro Museo do Videoxogo de Galicia

O espazo de traballo Trebella, en Cangas, acolle desde o vindeiro sábado 2 de febreiro o Museo Experimental do Videoxogo (MUVI), primeiro centro dedicado a esta industria que existe no noso país. A colección dos irmáns Jacobo e Galo Martínez foi a base que deu na creación deste centro, que conta con 50 metros cadrados de exposición nos que se concentran exemplares de xogos, videoconsolas, mandos e todo tipo de material a repasar a historia deste tipo de entretemento. Material de oitenta sistemas electrónicos diferentes que percorren catro décadas de evolución compoñen uns fondos que convidan a experimentar, aprender e reflexionar sobre os videoxogos e o seu peso na cultura contemporánea.. Amplía a nova>>

29/01/2019
A Agadic convoca as axudas a producións e coproducións audiovisuais

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, a liña de apoio ao audiovisual do país que conta con máis fondos. Como é habitual, a convocatoria achega dous millóns de euros repartidos en tres anualidades para desenvolver longametraxes cinematográficas de ficción, de animación, documentais, curtametraxes de ficción, animación e documenta e produtos para televisión. Os filmes poderán desenvolverse en réxime de produción e de coprodución, e as empresas interesadas teñen un mes de prazo para presentar os seus proxectos.. Amplía a nova>>

18/01/2019
A Agadic convoca as axudas ao talento audiovisual

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria desubvencións para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, que incrementan neste ano 11.000 euros a súa dotación e acadan os 156.000. A liña de subvencións apoiará un total de quince proxectos, seis de escrita individual do guión, que distribuirán 30.000 euros, outros seis para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos (36.000 euros) e tres para proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos, que repartirán 30.000 euros. As persoas interesadas teñen un mes para presentar as súas solicitudes a esta convocatoria. . Amplía a nova>>

16/01/2019
Dimite o equipo organizador de Redondela en Curto

Fernando Carreira Cuchi, director do festival Redondela en Curto acaba de presentar a dimisión do seu posto canda ao resto do equipo organizador deste evento. O cansazo, a falta de apoio das administracións e os problemas co interventor municipal están detrás, segundo recolle hoxe Faro de Vigo dunha decisión que pon en risco a continuidade dun festival que celebraría esta ano a súa décimo quinta edición. Aínda que Carreira apunta o seu desexo de que unha nova dirección recolla o traballo, considera difícil, por cuestión de calendario, que se poida desenvolver a edición prevista para este 2019.. Amplía a nova>>

14/01/2019
Agadic aumenta o orzamento destinado a festivais audiovisuais

A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia para o ano 2019. Agadic destina este ano un crédito global de 170.000 euros, o que supón un aumento de 30.000 euros respecto á anterior convocatoria e manter a liña ascendente destas partidas que leva aumentando desde 2016 ininterrompidamente. Os festivais que aspiren a obter estas axudas deben ter a súa celebración entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións e que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.. Amplía a nova>>

11/01/2019
As entidades locais e o sector profesional serán os máis beneficiados por 'O teu Xacobeo'

Xa se coñecía que o programa de axudas a proxectos socioculturais “O Teu xacobeo” ía estar dotado con dous millóns de euros e que ía consistir nunha convocatoria aberta de concorrencia competitiva a toda a cidadanía, agora ademais, grazas a un comunicado feito público onte pola Xunta de Galicia e do que deu parte a axencia Europa Press coñécese máis polo miúdo o futuro reparto deses fondos que sairán convocados nos vindeiros días e as súas características. As axudas se destinarán a proxectos de dinamización a realizar desde agora ta abril de 2020 e que estarán clasificados en cinco áreas : eido artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, deporte, eido social. A maior parte dos fondos se dedicará nesta xeira de axudas a proxectos presentados por entidades locais (concellos e deputacións), aos que se destinará ata 875.000 euros. As entidades privadas, xa sexan persoas físicas ou empresas, disporán de algo menos: 825.000 euros. Finalmente as organizacións sen ánimo de lucro, entre as que están todas as asociacións culturais, contarán con 300.000 euros para apoiar os seus proxectos dentro deste programa. . Amplía a nova>>

11/01/2019
O Festival de Cans incrementa os seus premios de cara à XVI edición

Desde o pasado día 8 de xaneiro e ata o vindeiro 3 de marzo está aberto o prazo de inscrición para participar no XVI Festival de Cans. O evento, que se celebrará do 22 ao 25 de maio, amplía os seus galardóns e por vez primeira todos os premios contarán con dotación económica. Segundo adianta a organización do festival porriñés, destinaranse a esta fin 8.900 euros, o que supón un incremento de 1000 euros a respecto do pasado ano. Os premios á mellor banda sonora e premio dos veciños son os que incorporan dotación na nova xeira. A eles súmase a creación dun galardón que recoñece a mellor dirección de fotografía "nun xeito de estimular unha interesante xeración de profesionais que está a emerxer", segundo salienta a organización.. Amplía a nova>>

10/01/2019
A Deputación da Coruña inviste 3 millóns de euros en axudas culturais

Co comezo do ano a Área de Cultura da Deputación da Coruña acaba de lanzar as súas convocatorias de subvencións para actividades culturais. En concreto, a entidade fixo públicas o pasado día oito as bases de oito liñas de subvencións, seis delas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro. En concreto, convócanse as axudas para investimentos e actividades de entidades sen ánimo de lucro, dotadas con un millón e 300.000 euros respectivamente. As destinadas a fundacións titulares de museos, centros de interpretacións ou bibliotecas contan con 465.000 euros, mentres os subsidios a corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato, suman 480.000 euros. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org