22/02/2019
As institucións do país únense arredor da figura de Antonio Fraguas
Don Antonio Fraguas era "un home das institucións e dos retos da vida pública", en palabras do Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, e as institucións acudían hoxe á chamada para homenaxealo presentando unha ampla programación para celebrar ao longo do ano o Día das Letras Galegas que se lle dedica ao intelectual e investigador. No auditorio do Museo do Pobo Galego, unha das entidades ás que estivo máis vencellado desde a súa fundación e que mesmo dirixiu Antonio Fraguas, acudiron representantes de outras institucións, ademais da Xunta, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Santiago de Compostela, o Concello de Cerdedo-Cotobade, a CRTVG e o propio Museo e Fundación Antón Fraguas, representadas ambas polo seu presidente común Justo Beramendi. Todos eles presentaron as iniciativas, exposicións, publicacións e actividades que, un por un, ou en cooperación entre eles, conforman a primeira batería de accións prevista para dar a coñecer en poñer en valor a vida e a obra de Antonio Fraguas, así como para apoiar a dinamización lingüística e as letras galegas en xeral dentro deste ano 2019..
Amplía a nova>>
20/02/2019
Crece a oferta da Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña
Os concellos da provincia da Coruña poderán escoller para programar entre os 1.776 espectáculos que se inclúen no catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña, unha oferta con case catrocentas propostas máis que no 2018. Este incremento débese a que nesta nova edición a convocatoria abriuse a todas as compañías e produtoras galegas, non só as domiciliadas na demarcación provincial. Para este 2019 a área de Cultura da Deputación destina máis de dous millóns de euros á Rede Cultural que o pasado ano chegou a programar case dous mil espectáculos e proxeccións.
Escena ao vivo!, a categoría profesional de artes escénicas e musicais, é o programa que máis espectáculos inclúe no catálogo. Máis da metade das propostas da oferta cultural deste ano pertencen a este apartado que inclúe un total de 1.076 espectáculos dos que 508 corresponden a teatro e monicreques, 513 a música e 55 a danza..
Amplía a nova>>
19/02/2019
As mulleres protagonizan a IV Escolma de Cinema Galego de Sarria
Do vindeiro 22 ao 24 de febreiro Sarria celebra a súa IV Escolma de Cinema Galego. A tarde do sábado 23 concentra as proxeccións cun importante protagonismo das cineastas do país.
Os fillos da vide, de Ana Dominguez,
A estación violenta de Anxos Fazáns e mais
Trinta lumes de Diana Toucedo centran a xornada, coa presenza das dúas últimas directoras. No día 22 proxectaranse as pezas que desenvolveu o alumnado do IES Xograr Afonso e do IES Gregorio Fernández no marco dun obradoiro con Anxos Fazáns. Tres pezas de Adrián Canoura (
Salitre nas Veas / O porco e o seu espírito / Caerán) na sesión vermú do mesmo día e mais un concerto de Baiuca con proxeccións do mesmo autor completan o programa desta xeira..
Amplía a nova>>
18/02/2019
A actriz Mela Casal leva o Premio de Honra Fernando Rey
A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu homenaxear co Premio de Honra "Fernando Rey" de 2019 á actriz e dobradora galega Mela Casal polo seu "traballo a prol da construción do audiovisual galego dos últimos trinta anos, ser unha das nosas pioneiras e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual". A actriz recibirá o Premio Fernando Rey durante a Gala dos Mestre Mateo, que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña o sábado 2 de marzo. Mela Casal naceu en Boqueixón, en 1948. Fíxose popular para os espectadores galegos polo seu papel da alcaldesa de Portozás, Celia Rei, na serie
Mareas vivas e posteriormente foi unha das protagonistas doutra serie de ficción de éxito da TVG,
A vida por diante, emitida entre xaneiro de 2006 e decembro de 2007. Entre os filmes nos que participou destacan títulos como
Sei quen es (2000), de Patricia Ferreira,
O lapis do carpinteiro(2003) de Antón Reixa,
O ano da carracha (2004), de Jorge Coira, ou
Vilamor (2008) e
A Esmorga (2014), ambas de Ignacio Vilar. .
Amplía a nova>>
13/02/2019
O III Youtubeir@s amplía calendario e a dotación dos seus premios
A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación da terceira edición de Youtubeir@s. O proxecto de creación audiovisual que coordinan os servizos de normalización lingüística de trece concellos, as tres universidades e a Deputación da Coruña amplía a dotación dos seus premios, que pasa de 5.500 a 6.500 euros. Ademais, engade a categoría de vídeo-cantarmos, dedicada a audiovisuais de carácter musical, ás xa existentes de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. A estes oito galardóns, súmase o premio do público, chamado #propostayoutubeira. O prazo de Inscrición para os galardóns está aberto ata o vindeiro 27 de setembro..
Amplía a nova>>
12/02/2019
Dezasete empresas galegas participan no European Film Market da Berlinale
Un total de dezasete produtoras e distribuidoras do país fan parte da misión comercial que coordina a Axencia Galega das Industrias Culturais no European Film Market. Este mercado, que se desenvolve canda ao Berlinale na capital alemá ata o vindeiro 15 de marzo, está considerado un dos máis importantes do sector a nivel mundial. Big Rights, Boneca Lareta, Esnatu Zinema, Ficción Producciones, Filmax, Filmika Galaica, Frida Films, Gaitafilmes, Matriuska Producciones, Numax Distribución, Noveolas Producciones, Ollovivo Producións, Portocabo, Vaca Films, Vía Láctea Filmes, Zeitun Films e Zenit TV, así como do Clúster Audiovisual Galego (Clag) son as firmas que están presentes no evento baixo a marca Films from Galicia para negociar acordos de coprodución, vendas e distribución internacional..
Amplía a nova>>
08/02/2019
'Trinta lumes' estréase hoxe en cines
Nove salas comerciais de cine de outras tantas localidades estrean hoxe a película documental
Trinta lunes de Diana Toucedo. En Galicia poderá verse nos cines Os Cantones da Coruña, nos cines Norte de Vigo, na sala Codex de Lugo, na sala Numax en Santiago, e na Estrada nos minicines Central. No resto do estado as proxeccións de estrea serán en Barcelona (Cinemes Girona), Málaga (Albéniz) Madrid (Círculo de Belas Artes) e no Espai Funatic de Lleida. Posteriormente ao día 15 a distribución chegará a outras salas do territorio nacional e ao cine Duplex de Ferrol..
Amplía a nova>>
07/02/2019
'Trote' e 'La Sombra de la Ley' empatan en candidaturas nos premios Mestre Mateo
O vindeiro 2 de marzo, cando no Pazo da Ópera da Coruña teña lugar a gala de entrega dos premios Mestre Mateo do audiovisual de Galicia haberá dous nomes que serán os que máis se repitan ao longo da noite:
La Sombra de la Ley e
Trote. As dúas longametraxes acumulan quince candidaturas finalistas cada unha delas, competindo na maior parte delas. A unha certa distancia sitúanse a serie
O sabor das margaridas con 8, a longametraxe
Contou Rosalía con 7 e o programa
Land Rober Tunai Show con 4. A videocración tamén acada un oco relevante ao contar o documental
Versogramas con 4 candidaturas tamén. Nieves Rodríguez e Adrián Díaz deron hoxe a coñecer os nomes dos finalistas de cada unha das 25 categorías, xurdidos da primeira rolda de votacións desta XVIIª edición dos premios de entre as máis de 400 candidaturas presentadas. A Academia Galega do Audiovisual encara a recta final desta carreira cara ás estatuíllas que recoñecen o mellor da produción audiovisual galega e que se entregarán nunha gala da que xa sabemos tamén algún detalle como que estará dirixida pola actriz, guionista e directora Sonia Méndez (Vigo, 1980)..
Amplía a nova>>
05/02/2019
A Agadic presenta o catálogo Shorts from Galicia en Clermont-Ferrand
O coñecido Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, en Francia, acolle desde onte e ata o vindeiro día sete unha delegación do audiovisual do país. Da man da Axencia Galega das Industrias Culturais e no marco do posto do espazo xeral Shorts from Spain distribuirase no encontro a nova edición do catálogo
Shorts from Galicia. Esta publicación recolle seis producións do país elixidas por unha comisión especializada tras unha convocatoria pública á que se presentaron unha trintena de traballos de realizadores galegos. .
Amplía a nova>>
04/02/2019
O santiagués Luís Zahera gaña o Goya ao mellor actor de reparto
O premio Goya que este sábado recolleu Luis Zahera (Santiago, 1966) como Mellor Actor de reparto pola súa participación na película
El Reino foi recibido con alegría no audiovisual galego. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia apresurouse a felicitar ao seu asociado a través das redes sociais polo recoñecemento acadado da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, o mesmo fixo o alcalde de Santiago Martiño Noriega, así como outros moitos actores e actrices que teñen traballado con Zahera no seu percorrido profesional, como é o caso de Isabel Blanco, coa que compartiu os rodaxes da serie
Mareas Vivas (1998). Foi nesta serie, co seu personaxe de Petroleo, onde Zahera acadou unha enorme popularidade entre o público galego. O actor compostelán comezou a súa carreira no teatro ás orde de Roberto Vidal Bolaño en
Días sen gloria (Teatro do Aquí,1991) e o seu primeiro rexistro no audiovisual foi na curtametraxe
O Matachín (1996), dirixida por Jorge Coira. Zahera, é un deses secundarios de luxo que fan destacar as súas personaxes, froito diso recibiu xa en catro ocasións o Premio Mestre Mateo do audiovisual galego ao mellor actor de reparto grazas á participación en producións como
Concursante (2006),
Celda 211 (2009) ou
Todo es silencio (2012). A súa interpretación gañadora en
El Reino foi tamén recoñecida nos Premios Feroz da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) como mellor interpretación masculina de reparto..
Amplía a nova>>