Xacio Baño estrea a súa longametraxe Trote

Unha ducia de salas de todo o país acollen o filme a partir de hoxe

Logo dunha exitosa carreira no circuíto de festivais, Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, chega hoxe ás salas de cinema. O filme, que contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais para a escrita do guión, o desenvolvemento e a xira por festivais, conta a historia dunha muller que vive nunha aldea do interior de Galicia. As tensas relacións coa súa familia, co pano de fondo da Rapa das Bestas, centran un filme que protagoniza María Vázquez. Unha ducia de salas de todo o país acollerán a estrea desta produción, que xa se puido ver en citas como Cineuropa, o festival de Locarno ou o de San Sebastián.